post

Íntegro lanza un vídeo sobre a prevención de lesións medulares

 “A ti tamén che pode pasar” reforzará a próxima campaña de sensibilización nos centros educativos da Costa da Morte con testemuños reais en primeira persoa, recomendacións e aportacións médicas encamiñadas á prevención    

En Íntegro estamos de estrea. “A ti tamén che pode pasar” é o título do novo vídeo sobre prevención de lesións medulares elaborado pola asociación e presentado esta semana no Hospital Marítimo de Oza, en A Coruña, durante a celebración da I Xornada sobre Lesión Medular, na que se deron cita destacados médicos e investigadores así como varios representantes de entidades de persoas con diversidade funcional para falar sobre os últimos avances científicos, as novas expectativas, a formación e a importancia da prevención. E, precisamente, sobre este último aspecto xirou a intervención do presidente de Íntegro Adolfo López Baña, que afondou na necesidade de reeducar á sociedade e, especialmente, aos máis novos/as co fin de evitar prácticas de risco innecesarias que poidan derivar en situacións tráxicas e irreversibles.

O noso presidente centrou a súa intervención no ámbito da prevención

Os accidentes de tráfico e os mergullos en praias e piscinas son, logo das caídas fortuítas no ámbito doméstico, as principais causas de lesión medular tal como se recolle no novo proxecto audiovisual que Íntegro vén de realizar e no que tamén colaboraron institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación de A Coruña, a Dirección General de Tráfico e a Unidade de Lesionados Medulares de A Coruña, ademais da empresa de xestión social +PorVir e a clínica de fisioterapia Eva Senande.

Ciencia e vida 

O novo vídeo foi presentado este martes na I Xornada sobre Lesión Medular que organizou o Sergas en colaboración con Íntegro e outras entidades

Dezasete minutos abondan para explicar cales son as principais causas que orixinan un accidente medular e as múltiples consecuencias e trastornos que sofren as persoas que os padecen. Un médico, unha enfermeira e un terapeuta ocupacional da Unidade de Lesionados do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña son os encargados/as de relatar tanto as situacións que producen este tipo de accidentes como as medidas de prevención que debemos tomar para evitalas. Ademais, analízase paso a paso a evolución médica e psicolóxica do/a doente dende o seu ingreso ata a súa alta sanitaria. Pero a parte máis humana e emocional póñena coma sempre as persoas, protagonistas involuntarios/as de casos reais e moi próximos no tempo como o de David e Teresa, vogal e voluntaria de Íntegro respectivamente, e dous dos nomes propios que poñen voz as súas propias historias para advertir sobre a importancia de evitar riscos, incidir na necesidade de eliminar barreiras físicas e psicolóxicas e transmitirnos valores como a superación, a fortaleza e a confianza nun mesmo/a. Unha lección de vida da que debemos tomar boa nota porque como reza o título “a ti tamén che pode pasar”.

O vídeo, que xa está dispoñible no canal de Youtube e na páxina web da asociación (www.integro.es),  formará parte da próxima campaña de prevención de lesións medulares,  unha actividade que a entidade leva a cabo con gran éxito dende hai anos nos centros educativos de primaria e secundaria da Costa da Morte co obxectivo de informar, concienciar e sensibilizar a un dos colectivos que máis casos rexistra ano tras ano. Así mesmo, dentro deste programa de reeducación social tamén se ofrecen charlas informativas para outros grupos en situación de risco como profesionais do campo ou a construción, persoas de idade avanzada e sesións orientadas á prevención de lesións no ámbito do fogar, primeira causa deste tipo de sinistros.

Esperamos que vos guste e que resulte de moita utilidade para previr accidentes, en moitos casos, evitables e irreparables.