post

Prevención de lesións medulares no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco de cara ao verán

 Alumnos e alumnas de 3º ESO foron informados/as sobre a importancia de coñecer e evitar riscos en praias, piscinas e estradas, principais puntos negros durante o temporada estival   

A piques de rematar o curso escolar, en Íntegro apuramos as últimas visitas aos centros escolares de primaria e secundaria da Costa da Morte para continuar  divulgando a campaña de prevención de lesións medulares promovida pola asociación Íntegro e co-financiada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña xunto a outras entidades públicas e privadas entre as que figuran as diferentes administracións locais da zona.

Esta semana os protagonistas foron os alumnos e alumnas de 3º da ESO do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.  Ata alí desprazáronse o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, o  vogal da entidade David Pombo e dúas das nosas socias e voluntarias, Teresa e Elena. Nesta ocasión, xunto aos poñentes tamén acudiu a nosa usuaria Jessica, que lle fixo entrega aos estudantes duns folletos informativos nos que se detalla polo miúdo que é unha lesión medular e cales son as principais causas e consecuencias de padecela. Durante a charla teórica, seguida con gran interese e expectación polo alumnado, fíxose especial fincapé na necesidade de adoptar medidas de prevención para evitar este tipo de accidentes, na súa maioría mortais ou de secuelas irreparables. Neste senso, insistiuse na necesidade de non realizar prácticas de risco, como “zambullidas” en praias ou piscinas e imprudencias ao volante por inxestión de alcol, estatisticamente máis frecuentes durante a temporada estival. Os conferenciantes tamén relataron as súas propias vivencias e as dificultades de vivir sobre unha cadeira de rodas, momento que suscitou gran curiosidade entre os mozos e mozas, interesados/as en descubrir como era o seu día a día.

E despois da teoría, toca práctica!  Máis dunha trintena de alumnos/as abandonaron as aulas para poñer a proba a súa habilidade e destreza sobre dúas rodas. E non o fixeron nada mal! Tras realizar un circuíto de obstáculos coa mobilidade reducida deixaron claro que en materia de diversidade están máis que capacitados/as. Pola nosa banda, en adaptación, empatía e superación a nota final é un sobresaínte. Parabéns!

 

post

A campaña de prevención de lesións medulares de Íntegro chega aos IES de Carballo

Este mes realizaranse varias charlas informativas no Isidro Parga Pondal e no Alfredo Brañas

Esta semana Íntegro volve ás aulas coa campaña de prevención de lesións medulares que estamos a impartir nos centros educativos de primaria e secundaria da Costa da Morte co obxectivo de informar aos estudantes sobre as causas e consecuencias de sufrir un accidente medular e sensibilizalos/as sobre a importancia de evitar situacións de risco que poidan derivar nesta doenza. Esta iniciativa, que xa leva máis dun ano percorrendo os colexios das comarcas de Soneira, Fisterra e Bergantiños, está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e conta ademais coa colaboración de todos os concellos e a implicación de varias empresas de ámbito privado.

la-foto-1

Alumnos/as do CEIP Canosa-Rus de Coristanco

Tras visitar recentemente aos alumnos/as do CEIP Canosa-Rus de Coristanco, este mes achegámonos ata dous centros de secundaria do Concello de Carballo. Así, mañá será a segunda quenda para os mozos e mozas do IES Isidro Parga Pondal de Carballo, onde xa estivemos tamén a semana pasada gozando dunha xornada moi positiva e enriquecedora. Nesta ocasión, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, acompañado doutros membros da directiva e de varios técnicos da entidade, ofrecerá unha charla informativa para dar a coñecer aos estudantes da ESO en que consiste unha lesión medular e cales son algunhas das súas consecuencias, facendo especial fincapé na prevención de prácticas de risco asociadas á adolescencia, especialmente, en estradas, praias e piscinas, onde se están a rexistrar o maior número de accidentes entre os máis novos.

img_1105

Mañá terá lugar a segunda charla informativa no IES Isidro Parga Pondal de Carballo

Ao longo da xornada, os asistentes poderán escoitar por boca dos seus protagonistas o relato das súas propias vivencias e as dificultades de vivir sobre unha cadeira de rodas nunha sociedade na que as barreiras físicas e mentais seguen a ser unha materia pendente. Obstáculos e limitacións que o alumnado poderá comprobar en primeira persoa poñéndose no lugar das persoas con mobilidade reducida. Unha experiencia única para poñer a proba a destreza dos rapaces e rapazas pero tamén a súa capacidade de empatía con quen sofre este tipo de situacións na súa vida diaria.

Próximas citas

programas-escolares

Estudantes carballeses do IES Monte Neme

A campaña de prevención de lesións medulares chega ao municipio carballés para quedarse. Logo de visitar o IES Isidro Parga Pondal, os nosos representantes tamén acudirán ao IES Alfredo Brañas para continuar coas actividades de sensibilización dirixidas aos alumnos/as de educación secundaria. Os días elixidos serán o 22 e o 29. Deste xeito, completamos a ronda de visitas aos centros da capital de Bergantiños, iniciada o curso pasado cunha xornada informativa no IES Monte Neme.

img_1106

 

Dende Íntegro queremos dar as grazas a todas as empresas e institucións participantes nesta campaña así como aos centros educativos pola excelente acollida que está a ter entre os mesmos. Esperamos que esta iniciativa logre xerar unha maior concienciación social e dea moi pronto os seus froitos porque o mellor tratamento sempre é a prevención. Vémonos nas aulas!

 

 

00020001