A entrega de solicitudes poderá realizarse ata o vindeiro 30 de maio
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nos campamentos de verán específicos para persoas con dicapacidade, promovido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia. Este ano ofértanse 170 prazas, divididas en quendas de 10 días entre o 1 de xullo e o 12 de setembro. Como novidades, haberá 20 prazas máis destinadas principalmente ao tramo de idade comprendida entre os 19 e os 40 anos e unha nova instalación para o desenvolvemento dos campamentos: a Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense. O período de recepción de solicitudes rematará o vindeiro 30 de maio.
Durante 10 días, os/as participantes poderán gozar dunha estadía socializadora e de convivencia, nun espazo lúdico, integrador e seguro mediante a posta en marcha de actividades orientadas, especialmente, ao fomento de habilidades sociais, ao contacto coa natureza e o mar, ao coñecemento da propia cultura e á educación para a saúde.
A solicitude de praza neste programa de campamentos específicos para persoas con discapacidade é compatible coa solicitude de prazas de inclusión no programa Campaña de verán 2018 da D.X. de Xuventude e Voluntariado.
As persoas interesadas en participar nos campamentos deberán ter recoñecida alguna discapacidade, cun grao igual ou superior ao 33%, e unha idade comprendida entre os 11 e os 40 anos, ademais dos seguintes requisitos:
- Estar empadroado nalgún concello de Galicia.
- Non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
- Non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade.
- Ter unha capacidade mínima de comunicación e de participación nas actividades que se van desenvolver.
- Ter unha mobilidade acorde ás características da instalación que se solicita.
Instalacións
Os equipamentos nos que terán lugar estas accións de verán específicas para persoas con discapacidade son os seguintes:
Albergue xuvenil de Gandarío, emprazado no municipio coruñés de Bergondo. Desenvolverase a temática de natureza e mar.
Residencias de Tempo Libre de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán.
Residencia de Tempo Libre de O Carballiño, situada na provincia de Ourense.
Nas dúas últimas instalacións, os campamentos tratarán sobre actividades de teatro e natureza.
Bonificacións
O prezo máximo de cada praza ascenderá a 125 euros. Dito importe verase reducido nun 50% se o/a solicitante é posuidor do título de familia numerosa e nun 25% para quen teña o Carné Xove. Así mesmo, terán preferencia as persoas que non participasen no programa en anos anteriores así como as que residan habitualmente no domicilio familiar.
As solicitudes deben presentarse na Consellería de Política Social antes do 30 de maio.
Máis información
Teléfono Social gratuíto: 900 333 666 Para información sobre a xestión dos campamentos, envío de documentación, valoración de solicitudes e concesión de prazas:
- Teléfonos: 981-547437 /981-544640.
- Mail: autonomiapersoal.sxps@xunta.es
Para información sobre as instalacións nas que se desenvolve o programa pódese consultar a páxina web http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/portada ou dirixirse directamente ás propias instalacións.