Xunto á logopeda e á terapeuta ocupacional do centro gozarán de cinco días de deporte, ocio e turismo convivindo con compañeiros/as doutras entidades
Un grupo formado por seis usuarios e usuarias e dúas monitoras de Íntegro (unha terapeuta ocupacional e unha logopeda), están dende o pasado domingo na localidade pontevedresa de Sanxenxo participando no programa Lecer Náutico organizado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), en colaboración co Real Club Náutico de Sanxenxo e a Fundación Mapfre. Trátase dunha experiencia moi divertida, enriquecedora e positiva que pretende achegar esta modalidade deportiva ás persoas con diversidade funcional, fomentando así o contacto directo coa natureza e o entorno mariño.
Ao longo desta semana, recibirán un curso de manexo de embarcacións de vela lixeira, de 20 horas de duración, impartido por persoal especializado do club náutico. Ademais das clases teóricas, que xa comezaron a primeira hora da mañá, os e as participantes terán a oportunidade de saír a navegar pola ría de Pontevedra e experimentar sensacións tan novidosas e incribles como a liberdade ou a ausencia de barreiras. Se a isto lle sumamos a posibilidade de gozar dunhas vistas sorprendentes e dende unha perspectiva diferente, o éxito está garantido. Sen dúbida, todo un privilexio ao alcance de moi poucos/as.
Pero non todo vai ser náutica! Ao igual que sucedeu en edicións anteriores, tamén haberá tempo para o lecer e o aprendizaxe fóra da auga porque durante a súa estancia en Sanxenxo está previsto que realicen outras actividades de ocio como ir á praia, pasear pola vila ou visitar algúns museos e lugares de interese turístico. Así mesmo, terán a ocasión de poñer en práctica todo o aprendido nos nosos obradoiros de autonomía persoal, asumindo a realización de tarefas tan cotiás como a limpeza do fogar, a hixiene diaria, o carro da compra e a administración dos cartos.
Durante cinco días permanecerán nunha residencia adaptada que lles permitirá convivir con compañeiros/as doutras entidades sociais e fomentar as relacións interpersoais e a creación de novos vínculos de amizade. De feito, este ano coinciden na mesma quenda cos usuarios e usuarias de Alcer Coruña. Unha experiencia única e inesquecible para os seis afortunados/as desta edición.
Coidado co sol e non vos esquezades de pasalo moi ben!