post

O Concello de Carballo e Íntegro conciencian sobre o aparcamento en prazas de mobilidade reducida

Usuarios/as e representantes da entidade ocuparon varias prazas con cadeiras de rodas e carteis para concienciar á cidadanía sobre a importancia de respectar este tipo de estacionamentos

“Son só 5 minutiños”, “Será só un momentiño”, “Volvo nun santiamén”, “Non teño tarxeta… pero non pasa nada, non?”, “Non sabía que aquí non podía aparcar”… Estas son algunhas das “escusas” máis empregadas polos condutores/as que ocupan as prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida. E estas foron, precisamente, as frases que hoxe utilizaron os nosos usuarios e usuarias durante a xornada de sensibilización, levada a cabo en colaboración co Concello de Carballo, para poñer de manifesto a necesidade de respectar os estacionamentos reservados.

Acompañados polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, usuarios/as e representantes de Íntegro ocuparon varias prazas de aparcamento da avenida do Ambulatorio de Carballo, con cadeiras de rodas e algúns carteis coas “escusas” máis utilizadas, coa intención de “simbolizar como se sente un cidadá cando lle ocupan unha praza de aparcamento e non pode aparcar como moitas veces nos pasa a nós”, explicaron. Con esta acción, enmarcada na Semana Mundial das Nacións Unidas para a Seguridade Viaria que se celebra do 17 ao 23 de maio, ademais de reivindicar que o tempo das persoas con diversidade funcional vale o mesmo que o das demais, tamén se recalcou que estas prazas non son un capricho, senón unha necesidade. Así mesmo, desde a asociación púxose o foco sobre o uso indebido das tarxetas de aparcamento por parte de usuarios/as que non teñen discapacidade.

Imaxe da rúa Cervantes durante a celebración do Día da Accesibilidade en setembro de 2020

Esta iniciativa, que non é a primeira nin será a última que se realiza no municipio carballés, é froito do compromiso e a implicación do Concello de Carballo para mellorar a accesibilidade e a mobilidade das persoas con diversidade funcional. Desde Íntegro, queremos agradecer a súa permanente colaboración e dispoñibilidade en todas as actividades que realizamos conxuntamente, e que seguro repetiremos moi pronto.