O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, acompañado de Ramón Pombo e David Pombo, vicepresidente e vogal respectivamente da entidade, estiveron onte e hoxe cos alumnos e alumnas do IES Monte Neme de Carballo para explicarlles as causas e consecuencias de sufrir unha lesión medular. Os accidentes de tráfico e as prácticas de risco en praias e piscinas son os motivos máis frecuentes e principais causantes de danos moitas veces irreparables.
Durante as dúas xornadas que durou esta actividade, subvencionada polo Concello de Carballo, os protagonistas ofreceron charlas teóricas que exemplificaron con casos prácticos, os seus, grazas ao relato da súas propias experiencias persoais. De feito, espertaron gran interese entre os rapaces e rapazas que non dubidaron en facer todo tipo de preguntas relacionadas coas dificultades e a complexidade de vivir sobre unha cadeira de rodas. E que mellor maneira de sabelo que comprobalo eles mesmos! Esta foi, sen dúbida, a parte máis esperada polos alumn@s e a máis sorprendente, porque comprobaron o complexo que pode chegar a ser realizar accións tan sinxelas como desprazarse ou subir e baixar unha beirarrúa.
Ademais, @s escolares enseguida tomaron conciencia do gran número de obstáculos que de cote deben sortear as persoas con mobilidade reducida, algo que, agardamos, serva para avanzar un pouquiño máis cara a inclusión. Superación, ilusión, barreiras e forza foron algunhas das palabras máis repetidas.
Grazas ao Concello de Carballo por brindarnos a oportunidade de achegarnos aos mozos e mozas do IES Monte Neme para construír unha sociedade máis diversa, igualitaria e capacitada e grazas aos alumnos pola súa participación e acollida. Parabéns!