post

Un taller informativo e varios encontros con profesionais da pesca e o marisqueo arrancan a programación de Diversiplás, + diverso – plástico

  • As primeiras actividades levaranse a cabo todos os mércores do mes de setembro
  • Trátase dun proxecto coordinado por Íntegro, co apoio do Galp Costa da Morte, e financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar

A asociación Íntegro vén de poñer en marcha un novo proxecto medioambiental denominado Diversiplás, + Diverso – Plástico, encamiñado á recuperación e valorización de residuos plásticos derivados da actividade marisqueira e da pesca, que ten como protagonistas a diferentes axentes sociais da Costa da Morte co fin de promover e fomentar o crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade,  así como a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior, dependentes da pesca e a acuicultura.

Baixo o lema “Traballando dende a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible” agóchase unha declaración de intencións coa que a entidade que preside Adolfo López Baña pretende promover a integración social das persoas con diversidade funcional preservando o medio natural da Costa da Morte e xerando novas dinámicas de colaboración para a posta en marcha de proxectos de economía circular.

O proxecto, que se desenvolverá en dúas anualidades (2021-2022), contempla varias liñas de actuación, entre as que destacan para este ano a posta en marcha dun programa de asesoramento e formación no tratamento e valorización de plásticos, dirixido ás persoas usuarias de Integro, en colaboración coa Escola de Enxeñería da Universidade da Coruña e a iniciativa Fair Enough, e outro de sensibilización, orientado ao sector do mar, para mellorar as boas prácticas e reducir a presenza de plásticos na súa actividade. Mentres, para  2022,está programada a creación dun taller para o aproveitamento e tratamento de residuos plásticos obtidos do mar e a dinamización dunha Rede de entidades colaboradoras (centros de ensino, concellos e confrarías da Costa da Morte) para a xestión de puntos de recollida de plásticos.

As primeiras citas

Ao longo do mes de setembro levaranse a cabo as primeiras citas do programa previsto para o 2021, que terán como destinatarios aos principais protagonistas do proxecto. Logo de participar o pasado día 3 na feira científica das Festiletras (Ponteceso), mañá 8 as instalacións de Nantón (Cabana) acollerán a celebración dun taller informativo para dar a coñecer polo miúdo o proxecto Diversiplás ás persoas usuarias e aos profesionais dos nosos centros de Día e Ocupacional. Xa na 2ª quincena, promoveranse varios encontros entre os nosos usuarios/as e os diferentes traballadores/as do sector marisqueiro e da pesca da Costa da Morte. O primeiro será o mércores 15 coas redeiras Illa da Estrela, de Corme, mentres que o día 22 visitarán unha zona de marisqueo acompañados/as polas mariscadoras da Agrupación da Confraría de Camariñas, que concluirá coa limpeza do areal de Ariño.

Deste xeito, ademais de promover a redución do lixo mariño e a mellora da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, potenciaremos a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade no ámbito social e laboral.

Diversiplás é un proxecto, xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola asociación Íntegro e conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.