post

A directora xeral de Persoas con Discapacidade pon en valor o labor desempeñado por Íntegro e Máis Porvir durante a súa primeira visita a Nantón

Begoña Abeijón, que acudiu acompañada do vicepresidente de COGAMI, percorreu as instalacións e interesouse pola posta en marcha dalgúns dos proxectos levados a cabo en 2023 como a instalación de paneis fotovoltaicos e a adquisición dun novo furgón

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, realizou este xoves a súa primeira visita institucional a Íntegro para coñecer de primeira man o funcionamento do noso centro de día e ocupacional, así como o centro especial de emprego Máis Porvir Xestión Social, xunto ao vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo Lestón. Ademais, durante a súa estancia en Nantón, estiveron acompañados polo presidente da entidade, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto; a directora do Centro de Recursos, Noelia Barreira; a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño, representantes do Concello de Cabana e varios directivos de Íntegro.

Supervisar algúns dos proxectos levados a cabo en 2023, como a instalación de paneis fotovoltaicos e baterías no centro de Recursos, que co-financiou nun 85% a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través de COGAMI e con cargo aos fondos do IRPF da declaración da renda, ou visitar o parque móbil da entidade, que vén de ampliarse coa adquisición dun novo furgón subvencionado cos fondos europeos NextGeneration, foron dous dos obxectivos prioritarios desta visita. Pero tamén houbo tempo para achegarse a coñecer as diferentes dependencias (talleres, cociña, invernadoiros, ximnasio, etc…) e conversar coas persoas usuarias co obxectivo de coñecer o seu día a día e as súas necesidades máis inmediatas.

Así mesmo, Abeijón interesouse especialmente polo funcionamento do taller Diversiplás, o proxecto medioambiental de economía circular de Íntegro destinado ao tratamento e valorización do plástico para lograr unha Costa da Morte máis sostible e favorecer o acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade.  Neste senso, avogou por seguir actuando da man das entidades sociais para que os servizos e programas cheguen realmente a onde son necesarios, e proporcionen as ferramentas adecuadas para a adquisición de novas habilidades e maior autonomía. Pola súa banda, López Baña agradeceu a visita e lembrou a importancia de contar co apoio institucional para lograr sacar adiante novos proxectos que melloren de maneira notable a calidade de vida das persoas usuarias e a súa inclusión laboral e social no ámbito rural.