post

A Fundación LaCaixa apoia o proxecto Experiencia Piloto de Vida Independente de Íntegro cunha aportación de 10.000 euros

Deste xeito, a sucursal bancaria de Baio (Zas) axudará a promover a autonomía das persoas con diversidade funcional a través do seu programa de Axudas a Proxectos de Acción Social

A Asociación Integro continúa a desenvolver o seu proxecto Experiencia Piloto de Vida Independente grazas ao apoio da Fundación “la Caixa”, que vén de realizar unha aportación económica a través do seu programa de Axudas a Proxectos de Acción Social.

Esta semana, a directora da oficina de Baio (Zas), María Martínez Vidal, fixo entrega dunha axuda de 10.000 euros ao presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, nun acto que reafirma o compromiso social de ambas entidades e que permitirá a Integro seguir mellorando a calidade de vida e a autonomía das persoas participantes neste proxecto.

Actualmente, dúas persoas con diversidade funcional residen nunha vivenda adaptada, situada nas antigas Escolas dos Mestres de Cabana de Bergantiños, grazas a unha cesión municipal. O apartamento conta con cociña, salón-comedor, baño con ducha e tres habitacións totalmente equipadas. Ademais, todos os espazos son accesibles e están adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Esta iniciativa proporciona aos participantes un espazo seguro para vivir de forma autónoma, mentres reciben o apoio necesario para o desenvolvemento das súas actividades cotiás.

A Asociación Integro agradece o respaldo da Fundación “la Caixa” a un proxecto que promove a igualdade de oportunidades e a participación plena das persoas con diversidade funcional na comunidade.