A entidade presentou onte en Nantón o calendario solidario para 2025
A Asociación Íntegro de Persoas con Discapacidade da Costa da Morte vén de presentar o seu calendario solidario para o 2025. O acto, que tivo lugar onte no Centro de Recursos de Nantón, en Cabana de Bergantiños, contou coa presenza do presidente da entidade, Adolfo López Baña; a directora do centro, Noelia Barreira; a coordinadora, Tania Bartucca Nión, traballadores/as, usuarios/as, entidades colaboradoras e fotógrafos participantes na edición deste ano. Ademais, o alcalde cabanés José Muíño e o edil Carlos Allo tamén estiveron presentes no evento.
A temática escollida para a nova edición busca sensibilizar á poboación sobre a problemática do abandono animal e fomentar a adopción como unha alternativa ética e responsable. O calendario, elaborado grazas ao traballo colaborativo das persoas usuarias do centro, pretende dar visibilidade a realidade que viven os animais rescatados, así como recoñecer o labor inestimable das persoas e organizacións que lles dedican o seu tempo e esforzo.
Para a creación deste proxecto, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto a realidade do abandono animal. Como parte da experiencia, realizaron visitas a tres entidades que traballan activamente na protección e rescate de animais: XEA, Vila Regina e Acougo. Durante estas xornadas de convivencia e aprendizaxe, non só se familiarizaron cos casos reais de abandono, senón que tamén tiveron a oportunidade de compartir momentos entrañables posando ante as cámaras dos fotógrafos Ismael Vigo e Mili, capturando a esencia de cada animal e promovendo a súa adopción. Neste sentido, os responsables das diferentes entidades destacaron a sensibilidade e concienciación das persoas usuarias a prol dos animais e fixeron especial fincapé na importancia de recuperar as nosas raíces, a vida no rural, o contacto coa natureza, a nosa música e costumes… O alcalde de Cabana, José Muíño, tamén lembrou a súa infancia no campo e incidiu na necesidade de recuperar os vínculos coa terra.
Por outra banda, este proxecto serviu para fortalecer os lazos entre as distintas organizacións e fomentar sinerxías de colaboración no ámbito do benestar animal. A participación altruísta de todas as persoas implicadas, fixo posible a edición deste calendario, cuxo obxectivo é amosar á sociedade a importancia do coidado e protección dos animais máis vulnerables. Así, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, agradeceu a implicación de todos os colaboradores “neste proxecto que vai máis alá da edición dun calendario porque cada fotografía agocha unha historia e unha mensaxe que agardamos deixe pegada na sociedade para ir xerando novas conciencias”, apuntou.
Agardamos que esta iniciativa volva ter tan boa acollida entre o público como en anos anteriores para seguir xerando conciencia sobre esta temática e continuar destinando novos fondos á mellora da calidade de vida das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.