post

Íntegro realiza o Camiño Inglés sen saír da Costa da Morte

Trátase dunha curiosa e divertida actividade impulsada pola entidade para promover hábitos de vida saudable e o contacto coa natureza

Sumaranse os quilómetros das andainas realizadas pola contorna ata completar os preto de 120 kms que hai desde Ferrol ata Santiago de Compostela. Ao finalizar cada unha das 6 etapas, realizarase unha visita “virtual” polos lugares máis emblemáticos

Dentro do programa de sensibilización Vida Saudable de Íntegro, cada vez son máis numerosas e frecuentes as accións formativas e de concienciación levadas a cabo pola entidade para promover hábitos de vida saudables entre os osos usuarios/as e mellorar o seu benestar físico e mental. Neste sentido, ademais de coidar a alimentación cunha dieta variada e equilibrada e a práctica de exercicio físico diario, vimos de poñer e marcha unha novidosa actividade, na que saúde, diversión e aprendizaxe camiñarán da man para proporcionarnos experiencias únicas e inesquecibles.

Aproveitando a mobilidade xeográfica permitida na actualidade e a chegada da primavera, con máis horas de luz e sol, botámonos a andar pola contorna para facer deporte e, ao mesmo tempo, reencontrarnos coa natureza desfrutando da beleza paisaxística que nos rodea. E xa que temos as botas postas e moitas ganas de movernos, decidimos iniciar unha andaina máis longa do habitual, denominada “o noso camiño”, para realizar o Camiño de Santiago “á nosa maneira”. En que consistirá? En facer o Camiño Inglés “virtual”(tramo Ferrol- Santiago de Compostela), que consta de 6 etapas e un total de 119,70 kms. De agora en diante, rexistraremos os quilómetros das andainas que realicemos pola Costa da Morte e, cando completemos o equivalente á distancia de cada etapa, faremos unha visita telemática polos lugares máis fermosos e emblemáticos de cada unha.

Primeiros pasos

A semana pasada xa puxemos o contador a andar cun percorrido polo estuario do Anllóns, en Cabana de Bergantiños, que sumou os primeiros pasos desta divertida e curiosa iniciativa. A diferenza do resto, a última etapa (Monte do Gozo-Santiago de Compostela), de 16,7 quilómetros, está previsto realizala de forma presencial, e coa vestimenta de peregrino, xa que se trata dun tramo adaptado para persoas con mobilidade reducida e con todas as garantías de seguridade.  Vémonos no Camiño!