post

Aberto o prazo de presentación de ofertas para acometer as obras de reforma da fachada do Centro de Recursos

As obras realizaranse con cargo ao programa FOIE que a Deputación da Coruña destina a entidades sen fins de lucro

A asociación Íntegro vén de resultar beneficiaria dunha subvención concedida pola Deputación da Coruña para a realización de obras e equipamento do Centro de Recursos de Nantón, dentro do programa FOIE 2017 para entidades sen fins de lucro, segundo se recolle no BOP nº 4 do 5 de xaneiro de 2018. O presuposto subvencionado para a obra, que consistirá na realización dunha fachada ventilada, ascende a 70.000 € (IVE non incluído).

Para tal fin e en cumprimento das bases establecidas no Boletín Oficial da Provincia, desde a entidade convocamos a todas as empresas interesadas á presentación das correspondentes ofertas para a execución dos traballos, que deberán ser realizados antes do 31 de abril do presente ano. O prazo establecido para a presentación dos orzamentos será de quince días, contados a partir de mañá martes, 16 de xaneiro.

post

Ánxela Franco compromete o apoio da Deputación da Coruña a proxectos coma o de Íntegro

“O feito de estar aquí significa que apoiamos este tipo de proxectos”. Con esta declaración de intencións comezou a súa intervención a deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, na reunión de traballo que se celebrou hoxe pola mañá as nosas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños), e na que participaron o tamén deputado provincial do BNG e alcalde de Zas Manuel Muíño, as concelleiras de Cabana Begoña Torrado e Sheila Recarey; o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto, e a directora do centro de recursos, Noelia Barreira.SAMSUNG CAMERA PICTURES

Ánxela Franco avanzou que a liña de axudas en concorrencia competitiva seguirá aberta o ano que vén, ofreceu a Íntegro o asesoramento técnico que precise e anunciou que o goberno provincial pretende destinar o 5% do orzamento da institución a plans “moi específicos” que primarán a “comarcalización” de determinados servizos. A deputada provincial lembrou que o pacto de goberno acadado na Deputación “vai orientado a desmantelala”, e que nese camiño cederanse competencias aos concellos e tamén á Xunta.

Durante a xuntanza, que se caracterizou pola cordialidade e a coincidencia de opinións, Adolfo López Baña explicou que Íntegro quere ser unha entidade “sostible. Temos claro –dixo- que temos que ir reducindo o nivel de dependencia das subvencións das Administracións, e por iso apostamos pola creación dun centro especial de emprego, Máis Porvir, co que pretendemos ofrecer servizos ás Administracións”. Neste sentido apuntou que os concellos de Cabana e Malpica xa están a contar con Máis Porvir para tarefas de xardinería, no primeiro caso, e para formación, no segundo.

Durante o percorrido previo polas instalacións, o presidente de Íntegro explicou aos deputados provinciais a historia de Íntegro dende 1992, proxectos que se levaron a cabo e outros que quedaron esquecidos por falta de apoio, e a situación actual da entidade. Pola súa banda, Noelia Barreira fixo de guía polas distintas dependencias, dende a cociña, na que hoxe os usuarios prepararon doces de mazá e marmelo; ata a aula ocupacional, o centro de día, o ximnasio ou os invernadoiros. A creación dun xardín terapéutico e, a máis longo prazo, a adquisición dunha vivenda tutelada, son dous grandes proxectos que ten en mente Íntegro para os seus 22 usuarios e usuarias actuais e para os que poidan unirse no futuro.