post

Íntegro amplía o seu parque móbil cun novo vehículo adaptado cedido pola Deputación Provincial da Coruña

A furgoneta, que realizará o percorrido Camariñas-Camelle-Nantón, permitirá desdobrar unha das rutas con máis usuarios/as e aumentar así o número de prazas

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de recibir un novo vehículo adaptado que permitirá mellorar o servizo de transporte dos nosos usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas. A entrega foi realizada esta mesma semana pola responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, no marco dun convenio de colaboración asinado polo noso presidente Adolfo López Baña e a titular provincial nas instalacións de Nantón. No acto, tamén estiveron presentes a directora do centro, Noelia Barreira; a vicesecretaria da asociación, Mónica Suárez, e o deputado comarcal Manuel Muíño.   

Durante a entrega da furgoneta, López Baña sinalou que “o transporte é fundamental para as entidades que traballamos no ámbito dos servizos sociais e, especialmente, para as que o facemos no ámbito rural onde a dispersión xeográfica nos obriga a prestar especial atención ao desprazamento dos usuarios/as ata o centro”. Neste senso, fixo especial incidencia na necesidade de dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Pola súa banda, Ánxela Franco tamén coincidiu na necesidade de “dotar ás entidades dos medios e recursos necesarios para contribuír a eliminar os atrancos que existen á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.

O novo vehículo, valorado en máis de trinta mil euros, ten capacidade para nove persoas e  está dotado cunha plataforma e un chanzo eléctricos para facilitar o acceso ao mesmo ás persoas que se desprazan en cadeira de rodas. A súa posta en funcionamento está prevista para esta mesma semana e o seu destino, en principio, será a realización da ruta Cereixo-Camariñas-Camelle-Nantón, co obxectivo de desdobrar así un dos percorridos máis masificados en canto a número de usuarios e alixeirar os desprazamentos diarios. Ademais, coa nova incorporación poderase incrementar o número de prazas e atender así unha demanda que nos últimos tempos non para de medrar en toda a Costa da Morte. O presidente de Íntegro, tamén subliñou que “este tipo de axudas resultan imprescindibles para ir renovando un parque móbil, xa algo anticuado, e reducir os gastos de mantemento dos vehículos”.

post

A Deputación Provincial da Coruña donará a Íntegro un vehículo adaptado para o transporte de usuarios/as

Así o manifestou hoxe a deputada Ánxela Franco durante a súa visita a Nantón acompañada polo concelleiro de Educación de Ponteceso Carlos Penedo

Esta mañá o Centro de Recursos Íntegro recibíu unha visita moi especial que nos deixou boas novas. A deputada provincial de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco, desprazouse ata Nantón (Cabana) para coñecer de primeira man as obras e actividades financiadas pola Deputación da Coruña a través dun programa de subvencións a entidades sen fins de lucro destinado a investimentos en servizos sociais correspondente ao ano pasado. Xunto á titular da área tamén estivo o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio de Ponteceso, Carlos Penedo.

O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora do centro, Noelia Barreira, exerceron de anfitróns nunha visita guiada polo Centro de Día e o Centro Ocupacional, onde foron os propios usuarios/as os que explicaron polo miúdo o funcionamento dos diferentes obradoiros que se levan a cabo, facendo especial fincapé no proceso de elaboración dos xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora, unha liña comercial de productos artesanais coa que se pretende mellorar a empregabilidade das persoas con diversidade funcional, e pola que se interesou especialmente a titular provincial.

Os responsables da entidade tamén deron a coñecer as novas actividades e programas postos en marcha ao longo de 2017 e adiantaron as liñas estratéxicas programadas para o período 2017-2020, destinadas a mellorar a formación e o emprego dun colectivo en risco de exclusión. Neste punto, tanto a Deputación como o Concello manifestaron o seu compromiso de colaboración para seguir traballando cóbado con cóbado coa entidade.

Pero as boas novas aínda estaban por chegar e fixérono da man da deputada provincial e o responsable municipal. Así, a primeira, Ánxela Franco, anunciou que en breve a entidade disporá dun novo vehículo adaptado, concedido polo organismo provincial para a mellora dos servizos e/ou prestacions sociais e sociosanitarias. E, pola súa banda,  o concelleiro Carlos Penedo trasladou a intención do Concello de Ponteceso de promover a inclusión transversal desde todas as áreas de goberno que sexa posible coa intención de “facer entre todos/as un concello máis inclusivo e accesible”, matizou.

Desde Íntegro queremos agradecer a colaboración e o traballo conxunto de ambas institucións na procura dunha sociedade máis inclusiva e igualitaria.

post

Ánxela Franco compromete o apoio da Deputación da Coruña a proxectos coma o de Íntegro

“O feito de estar aquí significa que apoiamos este tipo de proxectos”. Con esta declaración de intencións comezou a súa intervención a deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, na reunión de traballo que se celebrou hoxe pola mañá as nosas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños), e na que participaron o tamén deputado provincial do BNG e alcalde de Zas Manuel Muíño, as concelleiras de Cabana Begoña Torrado e Sheila Recarey; o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto, e a directora do centro de recursos, Noelia Barreira.SAMSUNG CAMERA PICTURES

Ánxela Franco avanzou que a liña de axudas en concorrencia competitiva seguirá aberta o ano que vén, ofreceu a Íntegro o asesoramento técnico que precise e anunciou que o goberno provincial pretende destinar o 5% do orzamento da institución a plans “moi específicos” que primarán a “comarcalización” de determinados servizos. A deputada provincial lembrou que o pacto de goberno acadado na Deputación “vai orientado a desmantelala”, e que nese camiño cederanse competencias aos concellos e tamén á Xunta.

Durante a xuntanza, que se caracterizou pola cordialidade e a coincidencia de opinións, Adolfo López Baña explicou que Íntegro quere ser unha entidade “sostible. Temos claro –dixo- que temos que ir reducindo o nivel de dependencia das subvencións das Administracións, e por iso apostamos pola creación dun centro especial de emprego, Máis Porvir, co que pretendemos ofrecer servizos ás Administracións”. Neste sentido apuntou que os concellos de Cabana e Malpica xa están a contar con Máis Porvir para tarefas de xardinería, no primeiro caso, e para formación, no segundo.

Durante o percorrido previo polas instalacións, o presidente de Íntegro explicou aos deputados provinciais a historia de Íntegro dende 1992, proxectos que se levaron a cabo e outros que quedaron esquecidos por falta de apoio, e a situación actual da entidade. Pola súa banda, Noelia Barreira fixo de guía polas distintas dependencias, dende a cociña, na que hoxe os usuarios prepararon doces de mazá e marmelo; ata a aula ocupacional, o centro de día, o ximnasio ou os invernadoiros. A creación dun xardín terapéutico e, a máis longo prazo, a adquisición dunha vivenda tutelada, son dous grandes proxectos que ten en mente Íntegro para os seus 22 usuarios e usuarias actuais e para os que poidan unirse no futuro.

post

A deputada provincial de Benestar Social, Ánxela Franco, visita Íntegro

Mañá, mércores, o Centro de Recursos Íntegro recibirá unha visita moi especial.  A deputada provincial de Benestar Social, Ánxela Franco Pouso, desprazarase ata as nosas instalacións para manter unha primeira toma de contacto, tras o seu nomeamento o pasado verán, e coñecer in situ o Centro de Día e o Ocupacional.

Logo da recepción oficial, prevista para as 12 horas e na que estarán presentes algúns membros da directiva e os profesionais do centro, levarase a cabo un breve percorrido polas diferentes dependencias, con visita incluída aos obradoiros que actualmente temos en marcha. Deste xeito, Ánxela Franco poderá coñecer en primeira persoa a actividade diaria dos nosos usuari@s así coma algúns dos seus traballos.

Esta visita forma parte dunha ronda de contactos protocolarios que se está a levar a cabo dende a Deputación da Coruña coas distintas asociacións de persoas con diversidade funcional existentes na provincia. Agardamos que dea os seus froitos!

 

IMG_5107