post

A Fundación ONCE concede unha subvención a Íntegro para a adquisición dun vehículo adaptado destinado ao transporte de persoas con diversidade

Usuarios/as do Centro ocupacional e do Centro de Recursos de Nantón serán os beneficiarios/as do novo servizo de atención 

A Fundación ONCE vén de conceder unha axuda económica por importe de 12.000€ á asociación Íntegro para a adquisición dun vehículo adaptado destinado ao transporte das persoas usuarias do noso Centro de Recursos e do Centro Ocupacional con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños).

Grazas á co-financiación da ONCE a nosa entidade xa conta cun novo medio de transporte colectivo para levar a cabo o servizo de atención e apoio a persoas con discapacidade da Costa da Morte co fin de que poidan potenciar e desenvolver as súas capacidades no noso centro garantindo o seu desprazamento dun xeito cómodo, seguro e adaptado ás súas necesidades.

Sen dúbida, un paso máis cara a inclusión social das persoas con diversidade funcional que residen no medio rural.

post

Íntegro amplía o seu parque móbil cun novo vehículo adaptado cedido pola Deputación Provincial da Coruña

A furgoneta, que realizará o percorrido Camariñas-Camelle-Nantón, permitirá desdobrar unha das rutas con máis usuarios/as e aumentar así o número de prazas

A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de recibir un novo vehículo adaptado que permitirá mellorar o servizo de transporte dos nosos usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas. A entrega foi realizada esta mesma semana pola responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, no marco dun convenio de colaboración asinado polo noso presidente Adolfo López Baña e a titular provincial nas instalacións de Nantón. No acto, tamén estiveron presentes a directora do centro, Noelia Barreira; a vicesecretaria da asociación, Mónica Suárez, e o deputado comarcal Manuel Muíño.   

Durante a entrega da furgoneta, López Baña sinalou que “o transporte é fundamental para as entidades que traballamos no ámbito dos servizos sociais e, especialmente, para as que o facemos no ámbito rural onde a dispersión xeográfica nos obriga a prestar especial atención ao desprazamento dos usuarios/as ata o centro”. Neste senso, fixo especial incidencia na necesidade de dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Pola súa banda, Ánxela Franco tamén coincidiu na necesidade de “dotar ás entidades dos medios e recursos necesarios para contribuír a eliminar os atrancos que existen á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.

O novo vehículo, valorado en máis de trinta mil euros, ten capacidade para nove persoas e  está dotado cunha plataforma e un chanzo eléctricos para facilitar o acceso ao mesmo ás persoas que se desprazan en cadeira de rodas. A súa posta en funcionamento está prevista para esta mesma semana e o seu destino, en principio, será a realización da ruta Cereixo-Camariñas-Camelle-Nantón, co obxectivo de desdobrar así un dos percorridos máis masificados en canto a número de usuarios e alixeirar os desprazamentos diarios. Ademais, coa nova incorporación poderase incrementar o número de prazas e atender así unha demanda que nos últimos tempos non para de medrar en toda a Costa da Morte. O presidente de Íntegro, tamén subliñou que “este tipo de axudas resultan imprescindibles para ir renovando un parque móbil, xa algo anticuado, e reducir os gastos de mantemento dos vehículos”.