A furgoneta, que realizará o percorrido Camariñas-Camelle-Nantón, permitirá desdobrar unha das rutas con máis usuarios/as e aumentar así o número de prazas
A asociación Íntegro das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte vén de recibir un novo vehículo adaptado que permitirá mellorar o servizo de transporte dos nosos usuarios e usuarias e incrementar o actual parque móbil, posibilitando así o desdobramento dalgunhas rutas e a incorporación de novas prazas. A entrega foi realizada esta mesma semana pola responsable da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, no marco dun convenio de colaboración asinado polo noso presidente Adolfo López Baña e a titular provincial nas instalacións de Nantón. No acto, tamén estiveron presentes a directora do centro, Noelia Barreira; a vicesecretaria da asociación, Mónica Suárez, e o deputado comarcal Manuel Muíño.
Durante a entrega da furgoneta, López Baña sinalou que “o transporte é fundamental para as entidades que traballamos no ámbito dos servizos sociais e, especialmente, para as que o facemos no ámbito rural onde a dispersión xeográfica nos obriga a prestar especial atención ao desprazamento dos usuarios/as ata o centro”. Neste senso, fixo especial incidencia na necesidade de dispoñer dunha flota ampla e renovada, adaptada ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Pola súa banda, Ánxela Franco tamén coincidiu na necesidade de “dotar ás entidades dos medios e recursos necesarios para contribuír a eliminar os atrancos que existen á hora de facilitar ás persoas usuarias a súa chegada aos centros”.
O novo vehículo, valorado en máis de trinta mil euros, ten capacidade para nove persoas e está dotado cunha plataforma e un chanzo eléctricos para facilitar o acceso ao mesmo ás persoas que se desprazan en cadeira de rodas. A súa posta en funcionamento está prevista para esta mesma semana e o seu destino, en principio, será a realización da ruta Cereixo-Camariñas-Camelle-Nantón, co obxectivo de desdobrar así un dos percorridos máis masificados en canto a número de usuarios e alixeirar os desprazamentos diarios. Ademais, coa nova incorporación poderase incrementar o número de prazas e atender así unha demanda que nos últimos tempos non para de medrar en toda a Costa da Morte. O presidente de Íntegro, tamén subliñou que “este tipo de axudas resultan imprescindibles para ir renovando un parque móbil, xa algo anticuado, e reducir os gastos de mantemento dos vehículos”.