post

Asinado o contrato entre a UTE Máis Porvir – Combina Social e o Concello de Malpica para a prestación de servizos de conserxería

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e os administradores das empresas integradas na UTE Máis Porvir-Combina Social (Íntegro e Cogami), Adolfo López Baña e Álvaro García Bustelo, respectivamente, asinaron hoxe o contrato para a prestación de servizos de conserxería no CEIP Milladoiro e no pavillón polideportivo de Malpica, o que permitirá a integración laboral de dúas persoas con diversidade funcional.

O contrato, como destacou Álvaro García, supón “unha oportunidade dado o carácter social de Íntegro e Cogami, porque ademais de que unhas persoas con discapacidade poidan prestar un servizo que está ao seu alcance, permítenos xerar recursos para seguir desenvolvendo o noso labor social”. O administrador de Combina Social e membro da xunta directiva de Cogami encargado, precisamente, das actividades de xeración de recursos para servizos de interese social, destacou a ampla experiencia de Combina Social na prestación deste tipo de servizos en institución públicas como os concellos de Santiago e Ourense e tamén en empresas privadas. Combina Social achega, polo tanto, solvencia e experiencia á UTE formada con Máis Porvir.

Eduardo Parga, pola súa banda, reiterou o compromiso do goberno municipal de Malpica coa integración das persoas con diversidade funcional, e asegurou que as Administracións públicas son as primeiras que deben dar exemplo. O contrato terá unha vixencia dun ano, prorrogable por outro, e permitirá a inserción laboral de dúas persoas con discapacidade física.