post

Os novos sabores de Íntegro son para o verán

En Íntegro xa temos elaborado o novo menú de verán con propostas moi frescas e apetecibles para afrontar a tempada estival. Como en cada cambio de estación, a nosa cociña renóvase por completo para ofrecer aos nosos usuarios e usuarias un menú de época, saudable e equilibrado, co que gozar durante todo o ano do pracer da boa mesa.

IMG-20160704-WA0020Para elo, contamos cos mellores profesionais e unha excelente materia prima. Produtos de tempada, 100% naturais e de primeira calidade que, en moitos casos, son cultivados e recollidos coas nosas propias mans baixo a supervisión de técnicos especializados como a nosa enxeñeira agrícola, Sandra Caamaño. Unha ampla variedade de verduras, froitas e hortalizas inundan a horta e os invernadoiros cos que contamos no Centro de Recursos de Nantón. Deste xeito, ademais de apostar pola despensa local, promovendo o consumo de produtos autóctonos e amosando as súas inmensas posibilidades de preparación, tamén contribuímos a manter unha alimentación máis saudable, variada e controlada, fundamental para o benestar físico.IMG-20160704-WA0002

Pero, sen dúbida, a elaboración do menú e a preparación dos pratos tamén son determinantes para garantir o éxito na mesa e en Íntegro témolo asegurado grazas á colaboración dos mellores profesionais. Á hora de elixir a carta contamos coa colaboración dos responsables da Parrillada –Restaurante A Pedra (Cabana), sempre dispostos a ofrecernos unha maridaxe perfecta entre sabor e tradición, coa aprobación e supervisión da experta en nutrición, María Viña.

Finalmente, a encargada de poñer o broche de ouro no comedor é Mónica, a nosa cociñeira e auténtica mestra de cerimonias, quen ademais é a responsable de impartir os cursos de cociña e tapas que se están levando a cabo en varios concellos de Bergantiños dentro do PIMD Rural. As súas mans elaboran diariamente os pratos que degustan os nosos usuarios/as e traballadores/as cun resultado á altura dos padais máis esixentes.

En Íntegro gústanos coidar a alimentación de principio a fin porque somos o que comemos! Cóidate ti tamén e se queres tomar nota dalgunha das nosas propostas bota unha ollada ao novo menú de verán que aquí che deixamos.

MENU VERAN 2016