Esta mañá un grupo de 54 escolares do CEIP San Vicenzo de Vimianzo participaron nunha nova edición de Visítanos!, tras a visita o ano pasado de varios colexios de Camariñas e Ponte do Porto. Trátase dunha actividade educativa incluída no programa Capacíta-T coa que a Asociación Íntegro pretende concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade funcional aos máis pequenos.
A xornada deu comezo ás 10:30h cunha breve presentación da entidade para amosar os obxectivos e valores cos que traballa en favor das persoas con diversidade funcional. Dende o primeiro momento, os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria amosáronse moi participativos e interesados/as en coñecer o noso día a día e achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas, moitas delas preconcibidas e ditadas por unha sociedade desigual. Tamén se proxectou un vídeo resumo das actividades levadas a cabo ao longo do 2015.
Durante algo máis de dúas horas realizamos un percorrido polas instalacións para coñecer de preto o funcionamento do centro e o traballo que realizan os nosos usuarios/as nos obradoiros ocupacionais.
A visita ao invernadoiro foi unha das máis agardadas polos rapaces/as. Tras escoitar as explicacións da nosa enxeñeira agrónoma puideron poñer en práctica moitos dos coñecementos aprendidos.
No xardín terapéutico traballaron con plantas aromáticas, transplantándoas e realizando diversos traballos de composición. O taller de artes manuais foi outra parada obrigada. Alí tiveron a oportunidade de coñecer algunhas das técnicas empregadas polos nosos usuarios/as para confeccionar os produtos de artesanía que realizan e que máis dun escolar tamén se animou a elaborar.
Pero, sen dúbida, o momento máis divertido chegou ao final coa realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas por equipos co finalidade de achegar aos máis pequenos á realidade da diversidade, xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con diversidade funcional. Unha proba moi entretida e novidosa na que tiveron que poñer en práctica o seu enxeño e habilidade para sortear todo tipo de obstáculos. Unha excelente maneira de comprobar, na súa propia pel, que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades.
Grazas a todos/as polo vosa participación e interese. Parabéns tamén aos nosos usuarios e usuarias polo excelente traballo realizado e como anfitrións/as dunha xornada diferente, diversa e moi inclusiva. Pasámolo xenial!
En Íntegro xa estamos a pensar na 3ª edición de Visítanos! Será o vindeiro 11 de maio coa visita dun grupo de alumnos e alumnas do colexio de Laxe. Agardámosvos, coma sempre, coas portas abertas!