post

Inclusión e a solidariedade a través da formación do voluntariado

  • As actividades, incluídas no programa de captación, sensibilización e formación do voluntariado financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, xiraron arredor da diversidade, a perspectiva de xénero, os primeiros auxilios e a reconversión do plástico
  • Un grupo de 9 persoas menores de 30 anos integra ademais o grupo de voluntariado xuvenil centrado no desenvolvemento de accións en favor do coidado medioambiental e a reciclaxe de plástico

O voluntariado é unha forma de participación da cidadanía na sociedade a través das organizacións do terceiro sector. Por iso, desde Íntegro volvemos apostar, un ano máis, pola posta en marcha dun programa orientado á capacitación e formación de persoas voluntarias que decidan formar parte do equipo da entidade para sumar en positivo nas accións de visibilidade e inclusión efectiva das persoas con diversidade.

Actualmente, a asociación Íntegro conta cun grupo de voluntariado formado por 17 persoas, das que 9 son menores de 30 anos e integrantes do equipo de voluntariado xuvenil que participa no proxecto “O voluntariado coa diversidade Recícla-T”, orientado ao desenvolvemento de accións vinculadas co coidado e a conservación do medio e a reciclaxe de plástico.

Subvencionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, desde o pasado 1 de xaneiro, estamos a levar a cabo un proxecto de actividades de captación, sensibilización e formación dirixido á mocidade, ás persoas con discapacidade e calquera outra persoa que resida nalgún concello da Costa da Morte, e que estea interesada en realizar actividades de voluntariado na área de persoas con diversidade funcional.

Así, desde a área de sensibilización e formación organizáronse numerosos obradoiros enfocados ao público en xeral como o curso de voluntariado e diversidade funcional, realizado nos meses de febreiro e xullo, co obxectivo de promover a igualdade de oportunidades, proporcionando  coñecementos básicos en materia de diversidade e inclusión (diferenzas entre integración, inclusión e segregación ou as pautas para unha inclusión real) ou ofrecendo unha formación básica sobre medio ambiente para concienciar e sensibilizar arredor da problemática ambiental coa intención de incentivar valores e actitudes positivas e respectuosas co medio natural. O mes de xuño tamén nos deixou unha interesante aprendizaxe arredor da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a través do curso “Introdución á perspectiva de xénero e igualdade de oportunidades”, que resultou un éxito entre a mocidade.

Reciclaxe e reconversión

Setembro tamén resultou ser un mes de intensa actividade formativa con accións encamiñadas á formación de persoas voluntarias arredor do noso proxecto de reciclaxe de plásticos Diversiplás. Neste senso, tras o éxito acadado no mes de abril o pasado día 18 arrincou a segunda edición da “Formación básica: Identificación de plásticos” para aprender a identificar os plásticos e cales son as súas propiedades e principais aplicacións. Nesta liña, esta mesma semana levamos a cabo a terceira edición, tras a de abril e xullo, do obradoiro de reciclaxe e reconversión de plásticos centrada no manexo da maquinaria que temos no noso taller (trituradora, inxectora e extrusora).

Por outra banda, o pasado día 13 puxemos en marcha un taller de “Nocións básicas sobre primeiros auxilios”, que permitiu ao alumnado adquirir coñecementos básicos en materia de prevención de accidentes, procedementos e técnicas de auto-protección e identificación de situacións de urxencia.

Desde Íntegro queremos convidar a todas aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, a sumarse ao equipo de persoas voluntarias de Íntegro. Ademais de visitar os institutos da Costa da Morte para informar e concienciar aos máis novos, a campaña de captación de voluntariado permanece aberta durante todo o ano a través do 981 734 985 ou en info@integro.es.