- Desde o pasado mes de setembro, o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural, promovido por Íntegro e co-financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, atendeu a 69 mulleres das zonas rurais da Costa da Morte
- As accións de orientación laboral e acompañamento na busca de emprego seguen a incrementarse ano tras ano
O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural) vén de clausurar a edición correspondente ao período 2023/2024 cun balance máis que positivo e un notable incremento de usuarias con respecto ao últimos anos. Dende o pasado mes de setembro, foron atendidas preto de 70 mulleres (69), a maioría delas (48) con disCapacidade, sendo as restantes residentes en concellos rurais da Costa da Morte con baixa densidade de poboación.
Ao longo deste exercicio rexistrouse un maior incremento de intervencións na área psicolóxica debido á dispoñibilidade a xornada completa de persoal especializado na atención individualizada e a mediación familiar e/ou intercultural para a resolución de conflitos no ámbito doméstico. Desde O PIMDRural ofrecemos un servizo de continuidade, integrado por tres profesionais: unha psicóloga, unha educadora social e unha traballadora social.
Por outra banda, realizáronse numerosas actuacións encamiñadas á orientación e información e asesoramento en recursos singularizados, actividades para a adquisición de habilidades persoais e/ou sociais, tanto individuais como grupais, dirixidas a grupos reducidos para ofrecer un servizo individualizado, apoio na prospección laboral… Acompañamentos na xestión de todo tipo de trámites (administrativos, de saúde, laborais, de atención e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social.
As accións de orientación laboral e o seguimento na busca de emprego seguen sendo, xunto coa realización de actividades para a mellora da empregabilidade, unhas das prestacións máis requiridas polas usuarias, que nesta edición posibilitaron a inserción laboral de seis persoas.
Este servizo, promovido pola asociación Íntegro e co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade de Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, está encamiñado a fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír a diminuír a tripla discriminación á que están sometidas moitas das beneficiarias do programa.
Programa formativo
Así mesmo, neste último ano, levamos a cabo con gran éxito varios talleres formativos para grupos reducidos sobre diferentes temáticas en atención á demanda das nosas usuarias: manexo do smartphone, autonomía persoal, autocoidados, autodefensa emocional, soidade en positivo, orientacion laboral, busca de emprego en internet, sexting seguro e sexualidade e afectividade baixo o título “se o amor apreta, non é da túa talla”.
Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a info@integro.es.