post

PIMD Rural, a mellor ferramenta para combater a discriminación a mulleres con discapacidade do rural

  • Ademais de numerosas accións formativas, o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural ofrece servizos de asesoramento, mediación e orientación laboral destinados a promover a igualdade de oportunidades e acabar coa discriminación deste colectivo
  • Trátase dunha iniciativa promovida por Íntegro e co-financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE) desde o ano 2015

Hoxe conmemorarase o Día da Muller e desde a asociación Íntegro queremos poñer o foco sobre as mulleres con diversidade funcional que residen nas zonas rurais e que sofren discriminación e desigualdade de oportunidades por partida tripla, converténdose así nun dos grupos de exclusión social máis vulnerables.

Para loitar contra esta situación, desde a entidade que preside Adolfo López Baña levamos a cabo diversos programas formativos e de asesoramento individualizado coa intención de dotar ás persoas con disCapacidade da Costa da Morte dos recursos e ferramentas necesarias para o desenvolvemento dunha vida plena e autónoma. Neste senso, unha das liñas de actuación máis efectivas e demandadas pola poboación feminina é, sen dúbida, o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMD Rural), un programa promovido por Íntegro no ano 2015 e co-financiado por la Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades e reducir a discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial exclusión.

A raíz da crise social e económica desatada tras a pandemia, a situación laboral, familiar e persoal de moitas mulleres empeorou dando lugar a novas necesidades que, de inmediato, tiveron que ser atendidas desde o noso Punto de Intervención.  Así, neste 2021, adecuámonos ás novas demandas con accións formativas baseadas na busca de emprego en época de COVID (iniciado o pasado día 1), como superar unha entrevista laboral, realización de trámites online (renovación tarxeta demandante de emprego, certificado dixital, informe de vida laboral, solicitudes de citas administrativas, etc.) e resolución positiva de conflitos cotiás na familia. Así mesmo, continuamos levando a cabo outros obradoiros habituais no noso calendario como son a elaboración dun CV e carta de presentación, formación básica en prevención de riscos laborais e un obradoiro de habilidades pre-laborais.

As persoas que estean interesadas en participar nalgunha acción do noso plan de formación deberán cumprir dous requisitos: ser muller (preferentemente con discapacidade) e residir no rural. Atendendo ás medidas preventivas anti-Covid, todos os grupos contarán con limitación de aforo e os seus participantes deberán axustarse ao protocolo establecido (uso de mascarilla, lavado de mans e xel hidroalcólico e distancia social). Para inscribirse abonda con enviar un mail a info@integro.es ou chamar ao 981 734 985.

Servizos

Por outra banda, desde o PIMD Rural tamén se prestan servizos de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas usuarias o seu pro­ceso de integración social; mediación intercultural e/ou familiar e medidas de orientación laboral e de acompañamento na busca de empre­go, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e titoría laboral e profesional.