post

Reivindicamos a inclusión das persoas con diversidade funcional cunha marcha polas rúas de Malpica

Malia a ameaza constante da choiva, a marcha reivindicativa pola inclusión das persoas con diversidade funcional (discapacidade) puido discorrer polas rúas de Malpica sen contratempos. Seis asociacións da provincia (Ambar, Adisbismur, A Creba, A Misela e Avante Val do Dubra, ademais da anfitrioa, Íntegro) participaron nun percorrido que arrincou pouco antes do mediodía do Centro Cívico e rematou pasada a unha da tarde xunto á Casa do Pescador. Á fronte da manifestación estiveron un grupo de alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Milladoiro, que non pararon de berrar durante todo o traxecto consignas coma “Non á discriminación”, “Que no mundo non haxa inclusión, que desilusión” ou “Somos capaces”. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, participou en todo o percorrido, ao que tamén se sumaron xa no centro da vila o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo.SAMSUNG CAMERA PICTURES

Os participantes na marcha saíron do Centro Cívico pola rúa principal ata a Casa do Pescador, onde realizaron unha pequena parada antes de continuar cara o centro cívico e a zona do Caldeirón para regresar ao mesmo lugar. “O mundo é máis bonito se non hai prexuízos”, leron os alumnos do CEIP Milladoiro no seu escrito de adhesión, no qu pediron “por un mundo máis unido, por un mundo onde vivamos todos xuntos, por un mundo onde non haxa discriminacións”.

SAMSUNG CAMERA PICTURESSAMSUNG CAMERA PICTURESSAMSUNG CAMERA PICTURES

A continuación foi a quenda das asociacións participantes, cada unha das cales leu tamén o seu manifesto. Catarina, de Íntegro, quen avogou por “un cambio de mentalidade” a favor da inclusión dende a escola, “por iso é prioritario desenvolver un sistema educativo en inclusión, onde todos os nenos e nenas con diversidade funcional poidan educarse en colexios ordinarios contando cos apoios necesarios para cada situación”. Íntegro considera imprescindible fomentar valores coma “a socialización, a convivencia, a tolerancia e o coñecemento da realidade de todos os nenos e nenas”.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Despois dunha colorida solta de globos, os participantes neste Día da Inclusión celebraron un xantar de confraternidade en Canido e pasaron a tarde entre xogos e actuacións.

post

Íntegro e Vidú suman forzas en favor do deporte e da prevención

A asociación Íntegro vén de asinar un convenio de colaboración coa entidade deportiva Vidú, presidida polo tenista cormelán Martín Varela Dourado, para a promoción do deporte e a prevención de lesións entre a poboación infantil e xuvenil.

Con esta sinatura, celebrada o pasado 20 de abril no pavillón de Cabana de Bergantiños, ambas agrupacións pretenden unir experiencia, traballo e esforzo para poñer en marcha unha campaña de concienciación e sensibilización sobre a inclusión do deporte na vida diaria e a prevención de lesións medulares, algo moi frecuente entre os máis novos debido á práctica de actividades de risco ou aos accidentes de tráfico.

Para elo, contémplase a realización de actividades conxuntas, dirixidas principalmente aos escolares da zona, seguindo como denominador común o deporte e a superación de barreiras, tanto físicas como mentais . Charlas teóricas e exhibicións prácticas, con Martín Varela ao fronte, son as principais liñas de actuación a seguir para facer chegar estes contidos aos nen@s e moz@s da comarca. De feito, os alumn@s do IES de Ponteceso e do CEIP Xosé Pichel de Coristanco xa puideron comprobalo porque o pasado mes participaron nas primeiras sesións. Tiveron a oportunidade de escoitar auténticos exemplos de vida e comprobar, en primeira persoa,  a complexidade do deporte adaptado. Unha experiencia moi gratificante para tod@s e que lle deu que facer a máis de un!

post

Íntegro celebrará o Día da Inclusión en Malpica

A Asociación Íntegro celebrará en Malpica o Día da Inclusión, que este ano leva por lema “A inclusión das persoas con diversidade funcional (discapacidade)”. A xornada do 8 de maio reunirá a cinco entidades da provincia (Ambar, Adibismur, A Creba, A Misea e Avante Val do Dubra, así como os alumnos e alumnas de 5º e 6º cursos do CEIP Milladoiro, que realizarán unha marcha reivindicativa pola vila que rematará coa lectura dun manifesto diante da Casa do Pescador e un xantar de convivencia.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

“Reivindicaremos os dereitos das persoas con diversidade funcional, sobre todo o dereito á inclusión, a participar en actividades de todo tipo e en igualdade de condicións que os demais”, explicou Noelia Barreira, terapeuta ocupacional de Íntegro na presentación da iniciativa, que tivo lugar hoxe pola mañá no Centro Cívico de Malpica. Para o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, o 8 de maio é “un día importante” porque son moitos os cidadáns “que non saben o que é a inclusión. Aínda temos que conseguir a integración en moitos ámbitos, pero queremos loitar tamén pola inclusión porque é a porta de entrada na sociedade das persoas con diversidade funcional”.

O Concello de Malpica estivo representado no acto polos concelleiros Marisol Blanco e Miguel Fernández e polo alcalde, Eduardo Parga, que agradeceu á Asociación Íntegro a elección de Malpica como sede do Día da Inclusión e asegurou que “para nós todas as persoas somos iguais”.

Os actos conmemorativos do Día da Inclusión comezarán ás 11.00 horas coa recepción dos participantes, que iniciarán a marcha reivindicativa unha hora máis tarde. O percorrido, dun quilómetro de lonxitude, rematará coa lectura do manifesto elaborado conxuntamente polas entidades participantes. A xornada reivindicativa, pero tamén festiva, continuará cun xantar e música pola tarde.

post

A secretaria xeral de Política Social interésase polo traballo que desenvolve Íntegro

As instalacións da asociación Íntegro recibiron o venres a visita da secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro; a subdirectora xeral de Coordinación de Equipamentos e Servizos para Persoas Maiores e con Discapacidades, Mª Carmen Calviño, e as concelleiras cabanesas Begoña Torrado e Sheila Recarey, que se interesaron polo traballo que desenvolve a entidade tanto no centro de día coma no ocupacional e no centro especial de emprego.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

As representantes das Administracións autonómica e local realizaron un completo percorrido polo edificio, no que puideron comprobar que as actividades que se desenvolven teñen como principal finalidade fomentar a autonomía persoal. “Ese é o noso principal obxectivo”, explicoulles o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña. A terapeuta ocupacional da asociación, Noelia Barreira, exerceu como guía durante a visita, que rematou nos invernadoiros nos que se están a implementar sistemas alternativos e experimentais que faciliten o traballo ás persoas con mobilidade reducida.

Dende Íntegro expuxeron ás representantes da Xunta algunhas das necesidades e das demandas das familias, dende a posibilidade de ampliación do número de prazas concertadas ata a de poñer en marcha unha vivenda tutelada.

A secretaria xeral asegurou marchar “coa grata impresión” de que o traballo en Íntegro vai mellorando día a día.