post

CARTA AOS MANDATARIOS ELIXIDOS NAS PASADAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Estimados Alcaldes e concelleiros e concelleiras das corporacións municipais:

Dende ÍNTEGRO queremos darlles os nosos parabéns polos seus recentes nomeamentos e poñémonos ao seu dispor para poder presentarlles o noso labor.

Aproveito a ocasión para facer as nosas achegas en materia de accesibilidade para que os concellos onde vivimos dean os pasos precisos para converterse nun modelo municipal en Accesibilidade Universal.

A condición de cidadanía é o status conformado polo acceso aos recursos básicos para o exercicio de dereitos e deberes das persoas. A falta de accesibilidade a certos espazos, equipamentos ou servizos, públicos ou privados, pode derivar na limitación de liberdades fundamentais e dereitos civís, como o dereito á educación, á cultura, á vivenda, ao aloxamento, ás actividades recreativas e deportivas, etc. Apostar por un entorno accesible é apostar por unha mellor calidade de vida, na medida en que os equipamentos, servizos e espazos son máis cómodos, máis seguros e máis fáciles de usar por toda a poboación e, polo tanto, promoven a autonomía das persoas.

É preciso que os espazos de calquera concello se conciban, estruturen e xestionen como espazos para a convivencia humana en todas as súas dimensións e comprender que, máis alá de ser un cruce entre rúas, espazos residuais, áreas comerciais e industriais,  infraestruturas urbanas e núcleos rurais, o municipio é a suma de todos os contornos ou espazos públicos, todos os servizos públicos municipais, e todos os produtos ou equipamentos a disposición de todos os cidadáns.

Os servizos desenvolvidos nos edificios municipais, o comercio, o transporte, as vías e espazos públicos deberán de estar ao alcance de todos, por ilo deben de eliminarse barreiras físicas e sociais, dificultades nas comunicacións e impedimentos de calquera natureza que impidan o acceso regular e normalizado e o aproveitamento dos mesmos, garantindo a igualdade de oportunidades.

Todo isto non é algo novidoso, existen actuacións encamiñadas a facer núcleos urbanos accesibles, o que, por outro lado, atrae a un sector da poboación que polas súas características, agora mesmo só frecuentan as grandes superficies comerciais accesibles.

Nin que dicir ten que existen leis que promulgan a accesibilidade e igualdade de oportunidades, algunhas das que cito a continuación:

LEI, 51/2003, de 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade; que marca como obxectivo no seu artigo 1º o establecemento de “medidas para garantir e facer efectivo o dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, conforme aos artigos 9.2, 10, 14 e 49 da Constitución”; a súa vez, o artigo 2º en canto aos principios que a inspiran; o Capítulo II que versa sobre o dereito á igualdade de oportunidades, especialmente, para todos, e o artigo 4º que determina o que se debe entender como vulneración do dereito á igualdade de oportunidades.

 LEI 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia

Artigo 1. Obxecto

A presente lei ten por obxecto garantir ás persoas con discapacidade a igualdade oportunidades en relación coa accesibilidade universal e o deseño para todos respecto aos contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como no relacionado cos obxec­tos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, de modo que os mesmos se fagan com­prensibles, utilizables e practicables por todas as persoas, en igualdade de condicións de seguridade e comodidade, e da maneira máis autónoma e natural posible.

Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade da ONU.

No artigo 9 – Accesibilidade

punto 1) A fin de que as persoas con discapacidade poidan vivir de forma independente e participar plenamente en todos os aspectos da vida, os Estados Partes adoptan medidas pertinentes para asegurar o acceso das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, ó contorno físico, ó transporte, á información e ás comunicacións, incluídos os sistemas e as tecnoloxías da información e as comunicacións, e a outros servizos  e instalacións abertos ao público ou de uso público, tanto en zonas urbanas ou rurais. Estas medidas, que incluirán a identificación e eliminación de obstáculos e barreiras de acceso, aplicaranse, entre outras cousas, a: a)b) 

Punto 2. a) b) c) d) f) g) h)

En Íntegro cremos que os concellos, como Administracións máis próximas aos cidadáns, deben amosar unha sensibilidade especial e adoptar, dentro das súas competencias, medidas que contribúan á integración como paso previo á inclusión de todas e todos.

post

Martín Varela Dourado inicia mañá na República Checa o 4º torneo da tempada

Martín Varela Dourado puxo hoxe rumbo cara a República Checa para disputar o torneo Vinci Wheelchair Open Czech, que se celebrará na cidade de Prostejov dende mañá e ata o vindeiro domingo, e que suporá o cuarto dunha tempada que se presenta intensa pero con moi boas expectativas.

A semana pasada o tenista cormelán levou a cabo un proceso de adaptación á terra batida, superficie na que se disputará o campionato e na que non está acostumado a xogar. Varela Dourado sempre realiza os seus adestramentos nas pistas duras da Escola de Tenis Marineda polo que, nesta ocasión, o deportista de A.D. Vidú tivo que enfrontarse a longas sesións de traballo e realizar un esforzo engadido para perfeccionar o seu xogo nunha pista, de antemán, pouco familiar para el.

Martín desprázase a terras checas coa intención de chegar o máis lonxe posible no cadro dun torneo no que competirán algúns Top Ten entre os que destaca o Nº1 do ranking, o xaponés Shingo Kunieda, que se proclamou campión de Roland Garros a pasada semana.

Sen embargo, isto non bota para atrás as intencións do noso deportista máis internacional de seguir sumando puntos na súa carreira ás Paralimpiadas de Rio 2016. Esperemos que o duro traballo levado a cabo nas últimas semanas sobre a arxila do Clube de Tenis Coruña se vexa recompensando cunha vitoria no Vinci Wheelchair Open Czech. Dálle Martín!

Foto: David Castro

post

Festa do Socio 2015

 

SAMSUNG CAMERA PICTURESO sábado 6 de xuño foi un día de moitísima actividade no centro de recursos da Asociación Íntegro. Despois das asembleas ordinaria e extraordinaria máis concorridas dos últimos tempos, usuarios, familias e traballadores gozamos da nosa Festa do Socio, na que non faltaron niSAMSUNG CAMERA PICTURESn a música nin a gastronomía.

O equipo de cociña que lidera Mónica Suárez, e que nesta ocasión estivo reforzado por boa parte da plantilla e algún que outro colaborador, recibiu numerosas felicitacións polo menú: empanada, ensaladilla, churrasco e un delicioso variado de doces composto por pastel de améndoa, flan de chocolate e pastel de queixo.

SAMSUNG CAMERA PICTURESO tenente de alcalde de Malpica, Miguel Fernández, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, acompañáronnos nesta entrañable xornada.

Moitísimas grazas a todas e todos!

post

A Asociación Íntegro renova a súa xunta directiva

Nunha concorrida asemblea xeral, con máis de sesenta asistentes, a Asociación Íntegro renovou este sábado 6 de xuño a súa xunta directiva. Adolfo López Baña, que seguirá á fronte do equipo dende a presidencia da entidade, agradeceu o traballo realizado polos compañeiros e compañeiras cos que compartiu o último mandato, ao longo do cal se puxeron en marcha numerosos proxectos e actividades.

A continuación presentou ao seu novo grupo de traballo, que reúne experiencia, xuventude, implicación, esforzo, aptitude e actitudes. Adolfo López Baña amosouse convencido de que a nova xunta directiva contribuirá a reforzar os valores de Íntegro e a garantir o futuro da entidade, un labor que, dende o seu punto de vista, debe ser compartido. Nese sentido, o presidente demandou a implicación tamén das familias e dos traballadores e traballadoras.

Queres coñecer aos integrantes da nova directiva?
Bótalle unha ollada á foto.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Arriba, de esquerda a dereita: Mónica Suárez, vicesecretaria; Luís Vázquez; María José Cousillas, que regresa á entidade despois de 23 anos; Anabel Castiñeiras, secretaria, e Ramón Porteiro, vicetesoureiro.

Abaixo, de esquerda a dereita: Ramón Pombo, vicepresidente; Manuel Caramés, David Pombo; Adolfo López, presidente, e Silvestre Couto, tesoureiro.

post

Vémonos o 6 de xuño na Festa do Socio

O vindeiro sábado 6 de xuño a Asociación Íntegro celebrará a súa xa tradicional Festa do Socio. O evento, que dará comezo unha vez rematadas as asembleas anuais previstas para ese día, consistirá na celebración dun xantar popular ao que poderán asistir todas as persoas que o desexen.  Como vén sendo habitual, esta actividade levarase a cabo nas instalacións do centro de recursos, en A Pedra, nº 30, Nantón (Cabana de Bergantiños).

Por falta de espazo, as prazas serán limitadas, polo que dende a organización pídese aos interesados que realicen as súas inscricións antes do vindeiro mércores 3 de xuño. O prezo das entradas será de 10€ agás para os socios/as, para os que serán de balde.

Para máis información poden poñerse en contacto connosco chamando ao 981 734 985 ou achegándose ata o centro en horario de 09:00 h a 17:00, de luns a venres.

post

Convocada unha asemblea extraordinaria para elixir a nova xunta directiva de Íntegro

A xunta directiva da Asociación ÍNTEGRO para a Diversidade Funcional de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra vén de convocar a todos os soci@s para participar nas asembleas xerais ordinaria e extraordinaria que terán lugar o vindeiro sábado 6 de xuño nas instalacións do centro de recursos de Nantón (Cabana de Bergantiños). A primeira convocatoria está fixada para as 11.00 horas.

Na primeira das xuntanzas procederase á presentación do informe de xestión económica correspondente ao exercicio 2014 e, de seguido, someterase a votación a aprobación de actividades e orzamentos para o presente ano. Con máis expectación amósase a segunda asemblea, posto que inclúe coma principal punto da orde do día a elección da nova xunta directiva.

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro venres, día 5, ás 14h. Os interesados deberán remitir toda a documentación ao departamento de secretaría da sede social de Íntegro. Cada unha das listas que concorra ás eleccións deberá estar composta por un mínimo de 8 membros, debidamente acreditados como socios/as e cumprindo os requisitos que dita condición esixe.

Orde do día asemblea ordinaria

 1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.

2. Informe de xestión 2014

  • Contable
  • Actividades

3. Actividades e orzamentos para o ano 2015 e a súa aprobación, se procede.

4. Rogos e preguntas.

 

Orde do día asemblea extraordinaria

  1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Elección nova xunta directiva.
  3. Adaptación estatutaria (Lei de transparencia e Utilidade Pública)
  4. Rogos e preguntas.
post

Usuarios de Íntegro participan en Sanxenxo no programa “Lecer Náutico”

Este domingo, ás 17.00 horas, tres dos nosos usuari@s iniciarán, xunto a un monitor, unha experiencia única e inesquecible polo sur da nosa comunidade. Do 24 ao 29 deste mes participarán en Sanxenxo no programa “Lecer Náutico” que organiza todos os anos, dende o 2013, COGAMI en colaboración co Real Club Náutico de Sanxenxo e a Fundación Mapfre. Deste xeito preténdese achegar esta modalidade deportiva ás persoas con diversidade funcional fomentando o contacto directo coa natureza dende o medio mariño.

vela

Esta actividade terá unha duración de sete días durante, os cales os participantes recibirán un curso de vela de 20 horas impartido por persoal especializado do Real Club Náutico. As clases serán de carácter práctico e consistirán en saír a navegar pola ría de Pontevedra, unha oportunidade única para iniciarse na complexa arte da navegación pero tamén para gozar coas impresionantes vistas que ofrece ese fermoso lugar. Entre tanta aprendizaxe seguro que  haberá tempo para facer un pouco turismo pola zona e dar boa conta da gastronomía local. Boa viaxe e a gozar da aventura! Seguiremos informando.

post

Íntegro acolle a presentación das últimas tecnoloxías para persoas con mobilidade reducida

Este venres teremos unha visita moi especial en Íntegro. Responsables da empresa valenciana Rodem achegaranse ata as nosas instalacións para presentar as últimas novidades en handbikes e accesorios stricker, tecnoloxía de vangarda para facer máis accesible e cómodo o desprazamento de persoas con mobilidade reducida. Esta firma valenciana tamén está a traballar no deseño de produtos revolucionarios que permiten aos usuari@s de cadeira de rodas moverse por calquera terreo sen dificultade.

rodemsalud3 rodemsalud2

Durante a visita, que terá lugar de 10:30 a 13:00 horas, os representantes de Rodem realizarán unha demostración, aberta ao público, ofrecendo a posibilidade de probar algúns dos aparatos máis sofisticados. Dende a asociación queremos convidar e animar a todas as persoas que o desexen a acudir ata o noso centro para participar nesta interesante xornada na que, sen dúbida, descubriremos parte da tecnoloxía máis avanzada que existe no mercado actual para facer máis sinxelo o día a día a quen sofre problemas de mobilidade. Para máis información sobre os nosos convidados só tes que premer en www.rodem.es

post

Grazas por convidarnos a “Baio ten a pelota”

Dende Íntegro queremos agradecer á Asociación de Empresarios de Baio a súa amable invitación para participar na feira de artesanía “Baio ten a pelota”, que se celebrou esta fin de semana polas rúas da localidade.

NOVA 1

NOVA 3

Foi para nós un pracer poder compartir estes días rodeados de tantos amig@s e veciñ@s que se achegaron ata o noso stand para coñecer o traballo desenvolvido polos usuarios e usuarias do centro, os que tamén nos visitaron acompañados dos seus familiares.NOVA 4

Sen dúbida, o bo tempo contribuíu a que houbese maior afluencia de visitantes e algunha que outra compra solidaria. Aquí queda unha pequena escolma dos mellores momentos. Grazas a tod@s!

post

Íntegro estará esta fin de semana en “Baio ten a pelota”

Esta fin de semana imos participar nunha feira de artesanía con moitas pelotas, amarillas. Será en Baio ten a pelota, que así é como se chama a campaña comercial organizada por la Asociación de Empresarios para promover e revitalizar o comercio na zona. Tanto o sábado coma o domingo os nos@s usuari@s estarán ao pé do noso posto no mercado demostrando que non existen barreiras nin obstáculos que limiten as súas capacidades. Boa mostra dilo serán os artigos que tendremos expostos e que poderedes ver pero tamén mercar.

baio ten a pelota

 

Pulseiras de coiro, pezas de bixutería e ata fermosas esculturas en escaiola completarán a amplia variedade de produtos elaborados a man polos usuarios e usuarias do centro ocupacional. Esforzo, adicación e constancia que seguro saberedes agradecer coa vosa visita e, quizais, algunha que outra compra solidaria. O stand permanecerá aberto ao público en horario de  11:00 a 20:00 horas.