post

O curso de pladur inaugurado hoxe en Buño reforza o papel de Íntegro coma entidade prestadora de servizos

SAMSUNG CAMERA PICTURESO curso de técnicas de colocación de pladur que comezou hoxe en Buño é unha mostra máis da decisión de Íntegro de converterse nunha entidade “sostible”, con maior autonomía e menor dependencia das axudas institucionais. Íntegro quere ser “unha entidade prestadora de servizos”, insistiu o presidente, Adolfo López Baña, no acto inaugural. Nese sentido agradeceu a aposta do Concello de Malpica pola visibilización das pe
rsoas con diversidade funcional ou, coma neste caso tamén, en risco de exclusión. “Malpica é o primeiro concello que aposta pola visibilización destes colectivos, é un exemplo para outros”, manifestou.

A asociación agradece a aposta do Concello de Malpica pola visibilización das persoas con diversidade funcional e pono como exemplo para outras institucións

O obradoiro de técnicas de colocación de pladur, que tamén incluirá un apartado de pintura, permitirá a formación de 10 persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión. O curso está organizado polo Concello de Malpica e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, e impartirase todos os luns, martes e xoves, de 9.30 a 13.00 horas, ata o 3 de decembro. Á inauguración asistiron a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, que animou aos alumnos e alumnas a aproveitar o curso para intentar mellorar a súa situación laboral. En representación de Íntegro asistiron o presidente e a vogal María José Cousillas. O taller será impartido polo noso monitor Miguel Álvarez.

post

Íntegro impartirá en Buño un curso de pladur para persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica volve a apostar pola formación como ferramenta para a inclusión. Despois dos obradoiros de xardinería que impartimos o ano pasado, o vindeiro 3 de novembro comezará un curso de técnicas de colocación de pladur e pintura destinado a persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social.

O obradoiro, de carácter eminentemente práctico, terá 42 horas de duración, e será impartido por personal da Asociación Íntegro na Casa do Oleiro de Buño, onde se desenvolverá tanto a formación teórica coma a práctica. As clases serán os luns, martes e xoves, de 09.30 a 13.00 horas.

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Os/as interesados/as poden inscribirse xa no Departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico) ou chamando ao número de teléfono 981 720 280.

post

Ánxela Franco compromete o apoio da Deputación da Coruña a proxectos coma o de Íntegro

“O feito de estar aquí significa que apoiamos este tipo de proxectos”. Con esta declaración de intencións comezou a súa intervención a deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, na reunión de traballo que se celebrou hoxe pola mañá as nosas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños), e na que participaron o tamén deputado provincial do BNG e alcalde de Zas Manuel Muíño, as concelleiras de Cabana Begoña Torrado e Sheila Recarey; o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto, e a directora do centro de recursos, Noelia Barreira.SAMSUNG CAMERA PICTURES

Ánxela Franco avanzou que a liña de axudas en concorrencia competitiva seguirá aberta o ano que vén, ofreceu a Íntegro o asesoramento técnico que precise e anunciou que o goberno provincial pretende destinar o 5% do orzamento da institución a plans “moi específicos” que primarán a “comarcalización” de determinados servizos. A deputada provincial lembrou que o pacto de goberno acadado na Deputación “vai orientado a desmantelala”, e que nese camiño cederanse competencias aos concellos e tamén á Xunta.

Durante a xuntanza, que se caracterizou pola cordialidade e a coincidencia de opinións, Adolfo López Baña explicou que Íntegro quere ser unha entidade “sostible. Temos claro –dixo- que temos que ir reducindo o nivel de dependencia das subvencións das Administracións, e por iso apostamos pola creación dun centro especial de emprego, Máis Porvir, co que pretendemos ofrecer servizos ás Administracións”. Neste sentido apuntou que os concellos de Cabana e Malpica xa están a contar con Máis Porvir para tarefas de xardinería, no primeiro caso, e para formación, no segundo.

Durante o percorrido previo polas instalacións, o presidente de Íntegro explicou aos deputados provinciais a historia de Íntegro dende 1992, proxectos que se levaron a cabo e outros que quedaron esquecidos por falta de apoio, e a situación actual da entidade. Pola súa banda, Noelia Barreira fixo de guía polas distintas dependencias, dende a cociña, na que hoxe os usuarios prepararon doces de mazá e marmelo; ata a aula ocupacional, o centro de día, o ximnasio ou os invernadoiros. A creación dun xardín terapéutico e, a máis longo prazo, a adquisición dunha vivenda tutelada, son dous grandes proxectos que ten en mente Íntegro para os seus 22 usuarios e usuarias actuais e para os que poidan unirse no futuro.

post

A deputada provincial de Benestar Social, Ánxela Franco, visita Íntegro

Mañá, mércores, o Centro de Recursos Íntegro recibirá unha visita moi especial.  A deputada provincial de Benestar Social, Ánxela Franco Pouso, desprazarase ata as nosas instalacións para manter unha primeira toma de contacto, tras o seu nomeamento o pasado verán, e coñecer in situ o Centro de Día e o Ocupacional.

Logo da recepción oficial, prevista para as 12 horas e na que estarán presentes algúns membros da directiva e os profesionais do centro, levarase a cabo un breve percorrido polas diferentes dependencias, con visita incluída aos obradoiros que actualmente temos en marcha. Deste xeito, Ánxela Franco poderá coñecer en primeira persoa a actividade diaria dos nosos usuari@s así coma algúns dos seus traballos.

Esta visita forma parte dunha ronda de contactos protocolarios que se está a levar a cabo dende a Deputación da Coruña coas distintas asociacións de persoas con diversidade funcional existentes na provincia. Agardamos que dea os seus froitos!

 

IMG_5107

post

María Luísa Fernández, autora de “La mirada de Ángel”, encheu de optimismo e diversidade as aulas de Íntegro

Hoxe tivemos unha mañá moi emotiva e produtiva rodead@s de usuari@s, familiares e amig@s que non quixeron perderse o acto de presentación do libro de María Luísa Fernández “La Mirada de Ángel”. De principio a fin foi unha charla cargada de sentimentos e de emocións, comezando pola introducción realizada polo noso presidente, Adolfo López, na que tamén apelou “á necesidade de crear unha sociedade máis plural na que teñan cabida diferentes realidades”.  De seguido, sucedéronse as experiencias e as vivencias, reais e en primeira persoa, relatadas por unha autora que, sobre todo, é nai, a nai de Ángel, o protagonista do libro e unha persoa con diversidade funcional (lesión cerebral e autismo).

angel 2          SAMSUNG CAMERA PICTURES

Tamén resultou ser unha sesión moi produtiva para tod@s os asistentes grazas ás explicacións ofrecidas pola conferenciante detallando, polo miúdo, as diferentes etapas do seu fillo e da súa familia dende os dous anos ata a idade adulta, converténdose na actualidade nun mozo máis, capaz de levar unha vida con normalidade e sen maior dificultade que calquera outro.

Ademais,  María Luísa explicou que nesta obra están recollidas cada unha das etapas vividas ata o de agora, coas súas alegrías e as súas penas, cos obstáculos e as barreiras polas que “coma o meu fillo Ángel pasan centos de nenos e nenas con diversidade funcional”, puntualizou.

Pese a que se trata dun relato duro e moi amargo para os seus protagonistas, “La mirada de Ángel” deixou en todos os presentes un sabor doce e un sentimento alentador tras escoitar a mensaxe de optimismo e esperanza lanzado por María Luísa Fernández nunha firme aposta pola diversidade como elemento enriquecedor da sociedade pero tamén de ánimo e forza para quen debe superarse e loitar día a día.

E nós, dende Íntegro, sumámonos tamén a ese firme propósito de construír unha realidade máis diversa, inclusiva, igualitaria, xusta e libre. Grazas a María Luísa Fernández pola súa presenza e as súas palabras de ánimo e a tod@s os asistentes pola súa compaña.

Agora toca descansar e cargar as baterías! Bo verán! Vémonos en setembro!

post

Arribada, en Muxía, é o primeiro albergue inclusivo da Costa da Morte

O pasado sábado o noso presidente, Adolfo López Baña, e outros membr@s de Íntegro acudiron, xunto a outros compañeiros de Cogami, á inauguración do albergue Arribada, en Muxía. Trátase da primeira instalación destas características que, grazas ao seu deseño accesible, favorece e promove o turismo inclusivo.

Convidados polos propietarios deste moderno e singular establecemento para valorar o nivel de accesibilidade do mesmo, tivemos a oportunidade de comprobar “in situ” como a nova construción cumpre coa normativa vixente en materia de accesibilidade universal, grazas tamén ao asesoramento prestado polo equipo técnico de Cogami neste proxecto. Logo de realizar unha longa e detallada visita polas instalacións, o noso presidente manifestou estar gratamente sorprendido e moi feliz “porque a Costa da Morte comeza a ser accesible para tod@s, algo necesario e moi importante tendo en conta  que as persoas con diversidade funcional  son o 2º colectivo europeo que máis viaxa”.  A valoración que facemos dende Íntegro é moi positiva e con nota. Parabéns e moita sorte!

post

Íntegro despide o mes coa presentación do libro “La mirada de Ángel”

A Asociación Íntegro acollerá este mes a presentación dun libro moi especial, tanto polo seu contido como pola súa autora. Trátase dunha obra de vivencias, de sentimentos e, sobre todo, de diferenzas. De saber atopar na diversidade a inmensa riqueza do ser humano. Trátase de “La mirada de Ángel”. Diario de la madre de un niño con autismo, que narra en presente, a través dunha visión retrospectiva, as experiencias vividas ao longo das diferentes etapas de crecemento do seu fillo, Ángel. Un libro xa coñecido pol@s usuari@s e o persoal docente do centro grazas a unha visita da súa autora o pasado mes de febreiro.

Nesta ocasión, María Luisa Fernández, escritora e nai do protagonista, visitará as nosas instalacións para amosar a súa obra nun acto aberto ao público e de balde, polo que poderán asistir todas as persoas que o desexen. Será o vindeiro día 31, ás 11:00 horas. Sen dúbida, unha oportunidade única de escoitar, da súa propia voz, a mensaxe de optimismo e realismo que pretende transmitir con este libro ademais de conversar e intercambiar impresións sobre o resultado dun proxecto que xorde cando o seu fillo tiña dous anos e medio e prolóngase ata a súa idade adulta.

La mirada de Ángel, é a transcrición de centos de cartas marabillosas dunha nai ao seu fillo nas que describe as súas vivencias e as da súa familia, as etapas, as alegrías e as penas, os logros e as barreiras polas que pasan moitos nenos e nenas con diversidade funcional.

María Luisa Fernández (Bilbao 1957) é nai de dous mozos: Sofía, responsable e sensible, e Ángel -protagonista do libro-, alegre, de bo carácter e con diversidade funcional (lesión cerebral e autismo). Está vencellada a Aspanaes e á Fundación Autismo Coruña. Comprometida cos seus valores, foi durante oito años secretaria do padroado da fundación tutelar. La mirada de Ángel intenta recoñecer o valor e a dignidade das diferenzas, mirando con naturalidade e transparencia, sen medos nin prexuízos, igual que mira un nen@.

Se queres adiantarte á presentación podes botarllle un ollo ao libro publicado por Ediciones del Viento. Os beneficios obtidos pola súa venda destinaranse íntegramente a proxectos para a inclusión social da Asociación Aspanaes e a Asociación Participa.

angel 2

post

A vindeira semana Íntegro participará en diversos programas lúdicos e deportivos

Chegou o verán e, con el, o tempo de vacacións e descanso para moit@s pero non para os usuarios e as usuarias de Íntegro, que nos vindeiros días van ter un calendario moi intenso, repleto de actividades. Iso si! Serán eventos de carácter lúdico e deportivo coa finalidade de gozar do bo tempo, ao aire libre, e na compañía de amig@s e compañeiros de outras entidades.

A primeira cita terá lugar no municipio de Serra de Outes o vindeiro mércores, día 15, para celebrar un torneo de baloncesto entre diversas entidades sociais da provincia de A Coruña. Esta iniciativa consiste na realización dunha xornada deportiva, organizada pola Asociación Adisbismur, coa finalidade de gozar do deporte como unha actividade beneficiosa para a saúde, tanto física coma psicolóxica. Tradicionalmente soen participar numerosas agrupacións, polo que a competición vai a estar moi rifada. Desexámoslles moita sorte aos nos@s deportistas!

A segunda actividade é un pouco máis tranquila e relaxada, xa que se trata dun paseo en barco pola costa de Camariñas previsto para o vindeiro venres. Dentro do proxecto Gavea, promovido por Cogami, un total de 16 persoas poderán desfrutar dunha das paisaxes máis fermosas da Costa da Morte a bordo da embarcación Laión. Boa viaxe a tod@s!

vela en camariñas                          vela en camariñas 1

Finalmente, o sábado, día 18, terá lugar unha nova edición de Pescadubra, unha actividade de pesca adaptada levada a cabo pola Asociación Avante. A partires das 10:00, os nos@s usuarios e usuarias comezarán unha xornada frenética á beira do río, no municipio de Val do Dubra, na procura dalgunha troita ou algún outro peixe de maior calibre. Ao mediodía haberá un xantar para @s participantes e, pola tarde, seguro que música e baile como en anos anteriores. Xa vedes que contentos acabaron a edición pasada.

Boa pesca e bo proveito!

pescadubra                       pescadubra1

 

post

Usuari@s de Íntegro gravan un vídeo para felicitar a COGAMI polo seu 25º aniversario

Hoxe queremos compartir con tod@s vós un vídeo moi especial, tanto polos seus protagonistas coma polos seus destinatarios. Trátase dunha gravación feita polos usuarios e usuarias de Íntegro para felicitar a COGAMI polo seu 25º aniversario. Sen dúbida, uns parabéns moi merecidos. Deste xeito, queremos amosarlles o noso recoñecemento e gratitude polo esforzo e o traballo que, día tras día,  realizan en favor da igualdade e da inclusión social de persoas con diversidade funcional. Grazas compañeir@s por tantos anos de loita e de adicación. Grazas polo traballo en equipo e, sobre todo, grazas por facer realidade milleiros de soños e ilusións.  Desexámoslles que cumpran moitos máis, polo menos outros 25!!. Mirade que bonito nos quedou!

post

O 5 de xullo Íntegro participará na Romaría Diversa da Asociación Ambar

O vindeiro 5 de xullo Íntegro vai de festa para participar na Romaría Diversa, unha iniciativa organizada pola Asociación AMBAR coa finalidade de concienciar sobre a diversidade como un feito natural e un valor positivo na sociedade.

Esta xornada lúdico-festiva terá lugar na praia de Coroso, situada no municipio de Ribeira, e consistirá na realización de numerosas actividades ao aire libre que darán comezo a primeira hora da mañá coa celebración da I Carreira pola Diversidade. A partires das 12h desenvolveranse os actos centrais que estarán divididos en áreas ou agras. Haberá xogos populares e obradoiros, adaptados a todas as idades, música e danza típicas galegas e ata unha exhibición de land art, creación artística que só emprega materiais da natureza para a súa elaboración.

No programa de actos tamén se inclúen espazos para as ideas e a solidariedade nos que as entidades poderán expoñer as súas propostas e reivindicacións sobre a diversidade, a inclusión e a sostibilidade. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de visitar a “agra solidaria” e adquirir algúns dos produtos elaborados polas diferentes agrupacións alí presentes para fomentar o comercio xusto e solidario. Neste sentido, os usuarios e usuarias de Íntegro tamén participarán moi activamente na Romaría cunha mostra de artigos elaborados por el@s mesm@s e moitas outras actividades que non deixarán indiferente a ninguén.

Para as 14h está previsto que dea comezo un xantar campestre ao que cada familia poderá levar a súa propia comida ou ben compartila cos demais a modo de degustación colectiva, coma se facía antigamente neste tipo de xuntanzas. O día rematará cunha verbena de “música desenchufada”, concertos onde cantar e bailar ao estilo tradicional.

Debido a que o aforo é limitado, é preciso que @s interesad@s en asistir reserven praza canto antes chamando aos teléfonos 981 734 985 ou 650 961 649, ou nas oficinas do Centro de Recursos Íntegro. En caso de acadar o número suficiente de inscritos, poderiamos realizar a viaxe en autobús para maior comodidade de tod@s.