post

Íntegro acudirá ao II Encontro Olímpico A Creba 2017

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental que se celebrará o día 10                                  

O vindeiro martes un grupo de usuarios/as de Íntegro viaxará ata a localidade de Noia para participar no II Encontro Olímpico A Creba 2017 organizado pola Asociación Pro Saúde Mental A Creba. Será unha xornada deportiva, reivindicativa e de convivencia á que asistirán numerosas entidades sociais da provincia de A Coruña coa finalidade de dar visibilidade ao deporte adaptado e fomentar a súa práctica entre as persoas con diversidade funcional.

Este ano os nosos usuarios e usuarias acoden á competición co intención de divertirse pero tamén de revalidar ou superar os once títulos acadados na edición anterior. Para elo, levan días adestrando duro nas nosas instalacións de Nantón e preparándose para afrontar as diferentes probas que terán que realizar: carreira en cadeira de rodas, brille, xogos tradicionais (corda, cadeira), tiro, equitación e circuíto a cegas.

 

O acto de apertura dará comezo cun desfile inaugural, previsto para as 10:50h, no que cada asociación participará portando a súa bandeira oficial e que, no noso caso, foi elaborada por nós mesmos/as. De seguido, iniciarase a competición, que se prevé difícil e moi concorrida, e na que os/as nosos/as representantes terán que medirse ante os equipos de Adismisbur, Amicos, Ambar, Misela e A Creba.

Probas

Na carreira en cadeira de rodas poderán participar dous xogadores por entidade (con ou sen mobilidade reducida). O percorrido realizarase en zig-zag ata o medio da pista. Cando queden tres persoas disputarase a final.

En Brille disputaranse dous partidos: usuarios/as e monitores/as. Os equipos estarán formados por xogadores de diferentes agrupacións elixidos por sorteo. A duración máxima será de 15 minutos.

Xogos populares: Corda ( 4 xogadores por asociación) e cadeira (3 membros por equipo).

A proba de equitación será, sen dúbida, unha das máis divertidas xa que os/as xogadores/as deberán de superar, cun pau de fregona a modo de cabalo, un percorrido de obstáculos no menor tempo posible.  Cuestión de habilidade e moita rapidez!

Na modalidade de tiro tamén haberá dúas probas de agudeza visual e boa puntería. Ademais do tradicional tiro de disco, os participantes terán que facer gala da súa habilidade para encestar unha pelota en varios cubos con distintos diámetros e a diferentes distancias. Gañará quen máis puntos acade.

No circuíto a cegas participarán 4 usuarios/as por agrupación, dous cos ollos tapados e dous con eles destapados, como acompañantes. A proba consiste en guiar aos compañeiros/as polo percorrido de obstáculos e realizalo no menor tempo posible.

Xa pasadas as 14h procederase á entrega de medallas aos gañadores/as e, a continuación, celebrarase un xantar popular.

Desde Íntegro queremos desexarlle moita sorte aos nosos deportistas e confiemos en que corran igual ou mellor sorte que o ano anterior. Pese a levar os deberes feitos e ben preparados “a sorte está botada e que gañe o mellor”, como se soe dicir nestes casos. O que si temos asegurado é unha xornada de deporte, diversión e moi boa compañía xunto ao resto de entidades e compañeiros/as.

Grazas á Asociación A Creba por convidarnos un ano máis e parabéns pola iniciativa. Moita sorte cracks!

 

post

A Copa Galicia de Baloncesto Adaptado reunirá en Ponteceso aos mellores equipos da comunidade

Esta mañá presentouse na sala de plenos do Concello de Ponteceso a Copa Galicia de Baloncesto Adaptado, que se disputará o vindeiro sábado no pavillón municipal pontecesán. Trátase dun evento deportivo organizado pola asociación Íntegro en colaboración coa Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA) e subvencionado pola Consellería de Política Social, a Deputación da Coruña e o Concello de Ponteceso.

2No acto de hoxe estiveron presentes o alcalde da localidade, Lois García Carballido; o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o vicepresidente, Ramón Pombo; o tesoureiro, Silvestre Couto; o vogal David Pombo, e a directora do Centro de Recursos de Nantón, Noelia Barreira. López Baña destacou a importancia desta celebración “porque permite dar a coñecer ao público o deporte adaptado e a complexidade, esforzo e superación que implica a súa práctica a nivel competición”. Ademais, subliñou a necesidade de que “os nosos mozos e mozas teñan outros referentes nos que mirarse e novos deportistas aos que admirar”. Finalmente, agradeceu a participación de todas as empresas e entidades colaboradoras neste proxecto e animou aos cidadáns a participar activamente na xornada do vindeiro sábado. O rexedor municipal, Lois García, tamén se sumou a este chamamento convidando á cidadanía a apoiar este evento coa súa asistencia.

Programa

A xornada do sábado será unha xornada deportiva de alto nivel deseñada para gozar cos cinco sentidos e meterse ao público no peto. Competición, deporte, diversión e moitas sorpresas serán os protagonistas dun evento co que se pretende dar a coñecer esta modalidade e poñer en valor o deporte inclusivo na sociedade.

O espectáculo e o bo xogo estarán asegurados coa participación de destacados equipos da Liga Gallega de Baloncesto FGDA e da Liga de BSR (Baloncesto en Cadeira de Rodas). A competición dividirase en dúas categorías: cadeira de rodas e competición intelectuais, esta última dirixida a deportistas con discapacidade intelectual que participarán en sección masculina e feminina.

san-xeromeAs primeiras en saltar á cancha serán as xogadoras do San Xerome, que se medirán ante as Esclavas na final da Competición Intelectuais, prevista para as 11h. Ás 12:30 h disputarase o primeiro encontro en cadeira de rodas da xornada entre o Amfiv Más Visión e o Basketmi, que volverán a enfrontarse pola tarde, a partires das 18h. Para as 16:30h está previsto o comezo do partido Aspanaex-San Rafael (categoría masculina). Finalmente, procederase á correspondente entrega de premios.

amfiv-getafe2-348

Pero esta Copa Galicia non só é para ver, tamén é para xogar! A diversión e o entretemento estarán garantidos para os asistentes antes, durante e despois dos partidos coa celebración de diversas actividades nas que poderán participar para poñer a proba a súa destreza sobre unha cadeira de rodas. Xogos de habilidade, tiros libres e mini-partidos para todos e todas coa intención de descubrir a complexidade desta práctica deportiva e pasar un día moi, moi divertido. Esperámosvos!

 

 

post

A vindeira semana Íntegro participará en diversos programas lúdicos e deportivos

Chegou o verán e, con el, o tempo de vacacións e descanso para moit@s pero non para os usuarios e as usuarias de Íntegro, que nos vindeiros días van ter un calendario moi intenso, repleto de actividades. Iso si! Serán eventos de carácter lúdico e deportivo coa finalidade de gozar do bo tempo, ao aire libre, e na compañía de amig@s e compañeiros de outras entidades.

A primeira cita terá lugar no municipio de Serra de Outes o vindeiro mércores, día 15, para celebrar un torneo de baloncesto entre diversas entidades sociais da provincia de A Coruña. Esta iniciativa consiste na realización dunha xornada deportiva, organizada pola Asociación Adisbismur, coa finalidade de gozar do deporte como unha actividade beneficiosa para a saúde, tanto física coma psicolóxica. Tradicionalmente soen participar numerosas agrupacións, polo que a competición vai a estar moi rifada. Desexámoslles moita sorte aos nos@s deportistas!

A segunda actividade é un pouco máis tranquila e relaxada, xa que se trata dun paseo en barco pola costa de Camariñas previsto para o vindeiro venres. Dentro do proxecto Gavea, promovido por Cogami, un total de 16 persoas poderán desfrutar dunha das paisaxes máis fermosas da Costa da Morte a bordo da embarcación Laión. Boa viaxe a tod@s!

vela en camariñas                          vela en camariñas 1

Finalmente, o sábado, día 18, terá lugar unha nova edición de Pescadubra, unha actividade de pesca adaptada levada a cabo pola Asociación Avante. A partires das 10:00, os nos@s usuarios e usuarias comezarán unha xornada frenética á beira do río, no municipio de Val do Dubra, na procura dalgunha troita ou algún outro peixe de maior calibre. Ao mediodía haberá un xantar para @s participantes e, pola tarde, seguro que música e baile como en anos anteriores. Xa vedes que contentos acabaron a edición pasada.

Boa pesca e bo proveito!

pescadubra                       pescadubra1