Trátase dun programa formativo financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo (FSE)
Hai uns días clausuramos o curso de Artes Manuais levado a cabo no Concello de Laxe dentro do programa do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade (PIMD Rural), financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE).
Na entrega de diplomas estiveron presentes cinco das oito mulleres que participaron nesta acción formativa, acompañadas de varios representantes da Asociación Íntegro e dos responsables do departamento municipal de Servizos Sociais. Esta actividade, realizada o pasado mes de xullo nos locais sociais de Traba e de Laxe, concluíu con gran éxito de participación superando as expectativas previstas. Ademais, ao igual que aconteceu noutros concellos incluídos neste programa formativo, as alumnas- mulleres, prioritariamente, con disCapacidade- amosaron gran interese e implicación durante a súa formación co obxectivo de sentar as bases para a súa posterior inserción laboral. Este foi o caso de dúas usuarias do curso de Tapas e Aperitivos de Malpica que atoparon traballo antes de rematar o obradoiro.
Balance
Dende a posta en marcha do PIMD Rural, implantado en catro concellos da Costa Bergantiñá- Cabana, Malpica, Ponteceso e Laxe-, xa se desenvolveron sete accións destinadas á formación de mulleres con diversidade funcional: 4 no Centro de Recursos de Nantón (Cabana), 2 en Malpica e 1 en Laxe. No mes de setembro terá lugar a oitava no municipio de Ponteceso, para a que xa están cubertas todas as prazas. As especialidades impartidas abarcan diferentes temáticas segundo as preferencias das alumnas: Artes Manuais, Informática e Mecanografía, Redes Sociais e Cociña.
Pero as noticias en torno ao PIMD non rematan aquí! Despois do verán agárdannos importantes novidades orientadas á inserción laboral e á mellora do emprego. Un paso máis que esperemos sexa firme e definitivo na procura da inclusión das persoas con diversidade e, especialmente, dun dos colectivos máis vulnerables: as mulleres.
Bo verán!