post

O CPI de Zas converteuse nunha Diverescola para estudantes de infantil e primaria

Todo o alumnado de infantil e o de 1º e 2º de primaria participaron nunha xornada de sensibilización incluída no programa Capacíta-T

Os alumnos/as de infantil e primaria do CPI de Zas foron os protagonistas indiscutibles da nova edición da Diverescola, unha iniciativa promovida por Íntegro, no marco do programa Capacíta-T, para achegar aos máis cativos/as a diversidade e a inclusión a través do xogo e o entretemento.

Durante algo máis de dúas horas, as aulas do centro educativo mudaron de aspecto para acoller divertidísimos circuítos de obstáculos e sorprendentes historias de vida e superación a través dos contos e a lectura. Ao longo da mañá, a nosa monitora de ocio e tempo de lecer, Lucía Blanco, levou a cabo varias sesións infantís para explicar aos máis pequenos/as en que consiste a diversidade e a inclusión. E para que todos/as o entenderan á perfección, realizáronse algúns obradoiros de artes manuais empregando aquelas partes do corpo que non utilizamos con frecuencia e as clásicas probas de mobilidade cos ollos tapados que lles permitiron poñerse, por uns minutos, na pel das persoas con diversidade funcional. E, ao igual que eles, con empeño e constancia foron superando unha a unha todos os obstáculos e atrancos que ían atopando polo camiño. Materia aprobada con nota!

Grazas a todos/as por participar e vémonos na seguinte!