post

Visítanos recibe a 47 estudantes do CPI As Revoltas

Os talleres de artes manuais e cociña tiveron gran aceptación entre os alumnos/as do centro educativo de Cabana

Esta semana o Centro de Recursos de Nantón volveu a abrir as súas portas para acoller unha nova edición de Visítanos!, unha actividade educativa incluída no programa Capacíta-T que está dirixida a concienciar e sensibilizar aos escolares en materia de diversidade e inclusión. Onte os/as protagonistas foron os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CPI AS Revoltas de Cabana que, xunto aos nosos usuarios e usuarias, gozaron dunha xornada moi didáctica, lúdica e chea de curiosidades.

As preguntas comezaron case nada máis chegar. A primeira hora da mañá as aulas de Íntegro comezaron a encherse de alumnos/as coas pilas ben cargadas e a lección aprendida, como xa demostraron durante a xuntanza de grupo que tivo lugar antes de dar comezo a visita polas instalacións. Aínda que case todos/as aseguraron coñecer a persoas con discapacidade, a maioría recoñeceu saber moi pouco sobre a realidade do seu día a día ou como relacionarse. E para amosárllelo proxectouse un vídeo titulado “Lo incorrecto” que, a través de situacións tan absurdas como divertidas, intenta cambiar a ollada da sociedade rompendo moitas ideas preconcibidas e falsos estereotipos.

O momento máis agardado por todos/as os/as participantes chegou coa visita aos obradoiros. Se o aprendizaxe é un proceso sinxelo a estas idades, xogando aínda o é máis. Porque iso é o que fixeron ao longo da mañá os 47 alumnos/as do centro cabanés. Entre risas e caras de asombro polos logros acadados, foron percorrendo as diferentes aulas e talleres.

 

 

 

 

 

Actividades

Entre as actividades preferidas dos/as estudantes destacaron as de artes manuais (elaboración de xabóns de glicerina e bixutería) e o taller de cociña. Nesta ocasión, ademais de descubrir habilidades que tiñan ocultas, os escolares levaron para a casa cadansúa pulseira de macramé, feita por eles/as mesmos/as, e a satisfacción de ter elaborado unhas riquísimas rosquillas que tamén tiveron ocasión de degustar. Na sala de logopedia e ximnasia as risas estiveron garantidas cos xogos de coordinación e equilibrio así como nas probas de mobilidade reducida amosando gran destreza sobre a cadeira de rodas e unha capacidade de empatía e adaptación sobresaínte.

Ao remate da xornada tocou valoración e exposición de todo o aprendido. E o resultado foi espectacular! Os/as estudantes confeccionaron un mural no que plasmaron as súas experiencias no centro e algún que outro segredo de taller que nos deixaron como recordo do seu paso polo centro e co que nos animaron a non deixar nunca de voar, e de soñar porque a diversidade, como podedes ver, é cuestión de capacidades. Parabéns chicos/as!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Desde Íntegro animamos a todos os centros educativos da Costa da Morte a participar nos diferentes programas educativos que temos en marcha (Diverescola, Visítanos, Prevención de lesións medulares) apostando por unha educación inclusiva, rica en valores e comprometida coa diversidade. Chama ao 981 734 985 e infórmate! 

post

Estudantes de 5º de primaria do CEIP Bergantiños achéganse á diversidade con Visítanos!

Durante a visita os alumnos e alumnas realizaron divertidos obradoiros ocupacionais

Se hai uns días eramos nós os que visitabamos a un grupo de escolares do IES Monte Neme de Carballo, o pasado venres foron os alumnos e alumnas do CEIP Bergantiños, tamén de Carballo, os que se desprazaron ata as nosas instalacións de Nantón para participar nunha nova edición de Visítanos!, unha actividade englobada no programa Capacíta-T destinada a educar, concienciar e capacitar aos máis pequenos/as en materia de diversidade.

A xornada comezou cunha breve proxección sobre a historia da entidade e as actividades realizadas ao longo do ano 2016. Unha primeira toma de contacto para coñecer o día a día dos nosos usuarios e usuarias que logrou espertar a curiosidade dos/as escolares, que non dubidaron en preguntar e comentar todo canto se lles ocorría e amosándose moi interesados/as e participativos/as ao longo de toda a mañá.

 

 

 

 

 

A elaboración de pulseiras causou gran expectación

Da man dos nosos usuarios/as, os 57 estudantes de 5º de primaria do CEIP Bergantiños realizaron un percorrido de case dúas horas visitando os diferentes departamentos e os obradoiros do Centro Ocupacional e do Centro de Día. E que ben o pasaron! Dende os invernadoiros ata a cociña, pasando pola aula de informática, tiveron oportunidade de poñer en práctica o aprendido e moitas habilidades ocultas, con trucos e consellos incluídos. Un dos momentos máis divertidos tivo lugar na aula de logopedia, onde aprenderon a importancia de rir e de rirse dun mesmo. Tamén houbo charlas grupais sobre inclusión e diversidade, actividades con globos e talleres de artes manuais nos que aprenderon a facer xabóns de glicerina e pulseiras de macramé cun resultado máis que satisfactorio, sobresaínte.

Arte e deporte

Ninguén quixo perderse a visita ao ximnasio

Pero neste Visítanos! os/as participantes demostraron que, ademais de bos artistas, son bos deportistas. E así o deixaron claro durante a súa visita ao ximnasio de Íntegro. Aínda que non tiveron reparo algún en probar cada un dos aparatos que atoparon ao seu paso, a bicicleta elíptica e a cinta de correr- recentemente adquiridas coa recadación do calendario solidario 2017-  acapararon a atención e as olladas de todos e todas, que non puideron resistirse a probalas. Unha vez máis quedou patente que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades, e que nin a idade nin o tamaño importan. Grazas pola visita! Ata outra!