Un grupo de 40 veciños/as da localidade e varios responsables do Concello de Cabana participaron neste acto co que se pretende ampliar a campaña a outros ámbitos e colectivos de risco
Hoxe a campaña de prevención de lesións medulares cambiou de escenario e de público traspasando así as aulas dos centros educativos da Costa da Morte ás que nos ten acostumados/as. Nesta ocasión, o Centro Social de Neaño (Cabana) foi o novo emprazamento elixido pola asociación Íntegro para a celebración dunha charla informativa titulada “lesións medulares: causas e consecuencias”. Con esta actividade, na que participaron preto de 40 persoas, a entidade amplía o seu programa de sensibilización social a outros ámbitos e colectivos para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de evitar prácticas de risco e extremar as medidas de prevención.
Ás 11h da mañá, a proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, editado pola entidade, abriu o acto organizado en colaboración co Centro de Día de Cabana. Ao seu remate , o presidente de Íntegro Adolfo López Baña, e a educadora social Tania Bartucca analizaron as principais causas e consecuencias de sufrir unha lesión medular, facendo especial fincapé na importancia da súa prevención. Neste senso, ambos coincidiron en destacar o notable incremento deste tipo de doenzas entre a poboación adulta, causadas, principalmente, no ámbito doméstico, laboral e no campo debido a unha falta de atención, un exceso de confianza ou como froito de caídas fortuítas. David Pombo e Teresa Alvarellos, vogal e socia da entidade, respectivamente, convertéronse en protagonistas involuntarios da xornada ao narrar as súas propias experiencias tras sufrir un accidente medular. Dous exemplos de vida, forza e superación que non deixaron indiferente a ninguén.
Acompañando aos representantes de Íntegro estiveron tamén varios responsables do Concello de Cabana, institución colaboradora da campaña de prevención que se imparte nos centros educativos de primaria e secundaria. Entre as autoridades locais figuraban o alcalde José Muiño, o concelleiro de Obras e Servizos Sociais, Carlos Allo; a concelleira de Turismo, Medio Ambiente e Medio Rural, Begoña Torrado e a educadora familiar, Cristina Morandeira. Dende o consistorio salientaron, unha vez máis, o importante labor divulgativo e preventivo desta campaña, xa consolidada entre os escolares da Costa da Morte.
Tras hora e media, a xornada rematou cunha quenda de intervencións que o público aproveitou para preguntar sobre o día a día dun lesionado medular e coñecer as principais barreiras ás que deben enfrontarse na súa vida diaria.
Desde Íntegro queremos dar as grazas a veciños/as, usuarios/as e autoridades locais pola súa asistencia a esta nova sesión encamiñada a sensibilizar e concienciar en materia de prevención a toda a poboación porque todos/as podemos ser vítimas dunha doenza medular. Vémonos na seguinte!