post

Trece usuarios/as lánzanse a auga para gozar dos beneficios da natación terapéutica

A entidade leva xa unha década realizando esta actividade, que se desenvolve unha vez á semana na piscina municipal de Cabana

Unha década levan xa os usuarios e usuarias do Centro de Día e do Centro Ocupacional de Íntegro lanzándose á auga da piscina municipal de Cabana unha vez á semana co obxectivo de mellorar a súa coordinación, equilibrio e autonomía persoal pero tamén para desfrutar dunha morea de xogos e actividades no medio acuático. Trátase dunha actividade deportiva complementaria, enmarcada no programa de saúde e benestar do noso departamento de Fisioterapia, que utiliza a auga cun fin correctivo e preventivo. De feito, a súa práctica está recomendada por médicos e especialistas como terapia continuada, especialmente, no caso de persoas con diversidade funcional e/ou pacientes con algún tipo de doenza lumbar ou lesión medular.

Como todos os anos, de outubro a maio, un grupo de usuarios/as da entidade participan nun curso de natación terapéutica acompañados/as de dúas monitoras de apoio e unha profesora especializada en natación adaptada que, ademais de ensinarlles a nadar, realiza diversos exercicios de estimulación para contribuír a mellorar o funcionamento muscular e articular dos alumnos/as. Pero, ademais dos innumerables beneficios físicos, estas sesións, dunha hora de duración, repercuten positivamente na adquisición dunha maior independencia, auto-confianza e capacidade de socialización.

Coa finalidade de adaptar as clases ás necesidades individuais de cadaquén e prestar unha atención totalmente personalizada, o número de participantes é sempre moi reducido. Este ano, son trece os beneficiarios deste programa que, cada edición, renova o alumnado para garantir a participación de todos/as e cubrir así a demanda existente.

Agardamos que este curso dea resultados tan positivos como en anos anteriores e que os nosos usuarios/as gocen dunha experiencia tan saudable como divertida. E quen sabe se este pode ser o comezo dunha longa e prometedora carreira deportiva!! Non os/as perdades de vista! Seguirémosvos informando dos seus progresos.

post

A deputada de benestar social Ana Lamas realizou unha visita a Íntegro acompañada por un grupo de representantes políticos de Ponteceso, Cabana e Malpica

  • A concelleira de Servizos Sociais de Ponteceso e o portavoz do Psoe de Cabana tamén se sumaron á comitiva, que foi recibida polo presidente e a directora da entidade ademais da xerente de Máis Porvir
  • Logo dun percorrido polas instalacións, celebrouse unha xuntanza para conversar sobre as necesidades máis urxentes en materia de formación e emprego e dar a coñecer o proxecto “Vivenda Comunitaria”

O pasado venres a deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas, realizou a súa primeira visita institucional a Íntegro para coñecer de primeira man as nosas instalacións de Nantón (Cabana) e o seu funcionamento, e manter unha reunión cos responsables de Íntegro coa intención de analizar as necesidades actuais e futuras dos nosos usuarios/as e as súas familias. Xunto a ela, acudiron tamén os alcaldes de Ponteceso, Cabana e Malpica así como a concelleira de Servizos Sociais pontecesá e o portavoz do Psoe cabanés. A comitiva foi recibida polo noso presidente, Adolfo López Baña; a directora do centro, Noelia Barreira e a xerente de Máis Porvir, Sandra Caamaño.

A xornada deu comezo cunha visita guiada polas instalacións para coñecer polo miúdo o funcionamento diario dos diferentes departamentos e poñer en valor o labor que desempeñan as persoas usuarias do Centro de Dia e do Centro Ocupacional a través dos diferentes programas e obradoiros que levamos a cabo ao logo do ano co apoio e a financiación institucional, entre outras, da administración provincial desde a súa área de benestar social e inclusión.

Peticións urxentes

Tras o percorrido, os responsables de Íntegro mantiveron unha xuntanza coa titular provincial, na que tamén estiveron presentes os representantes políticos da contorna, para trasladarlle as necesidades máis urxentes e prioritarias do centro en materia de educación, formación e emprego, “tres áreas sobre as que debemos actuar de maneira conxunta para lograr unha inclusión plena e real na sociedade”, asegurou o presidente da entidade ao tempo que salientou a importancia de ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social a través de centros de emprego, como o de Máis Porvir, nos que ademais de orientar, formar e especializar a futuros traballadores/as, ofrécense novas oportunidades de acceso ao mercado laboral que posibilitarán unha notable mellora da empregabilidade en igualdade de condicións.

Por outra banda, Adolfo López Baña aproveitou a ocasión para presentar publicamente o novo proxecto de Íntegro denominado “Vivenda Comunitaria”, unha iniciativa que xorde para dar resposta a aquelas familias que, chegado o momento, non poidan proporcionar aos seus seres queridos os apoios e coidados necesarios para o seu benestar e desenvolvemento cotiá. Neste senso, tras unha excelente acollida, todos os/as asistentes coincidiron en sinalar a necesidade da existencia dun programa destas características na Costa da Morte e expresaron o seu compromiso e apoio para convertelo nunha realidade capaz de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.

 

 

post

O Centro Social de Neaño acolleu unha charla sobre lesións medulares dirixida a novos colectivos sociais

Un grupo de 40 veciños/as da localidade e varios responsables do Concello de Cabana participaron neste acto co que se pretende ampliar a campaña a outros ámbitos e colectivos de risco

Hoxe a campaña de prevención de lesións medulares cambiou de escenario e de público traspasando así as aulas dos centros educativos da Costa da Morte ás que nos ten acostumados/as. Nesta ocasión, o Centro Social de Neaño (Cabana) foi o novo emprazamento elixido pola asociación Íntegro para a celebración dunha charla informativa titulada “lesións medulares: causas e consecuencias”. Con esta actividade, na que participaron preto de 40 persoas, a entidade amplía o seu programa de sensibilización social a outros ámbitos e colectivos para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de evitar prácticas de risco e extremar as medidas de prevención.

Ás 11h da mañá, a proxección do vídeo “A ti tamén che pode pasar”, editado pola entidade, abriu o acto organizado en colaboración co Centro de Día de Cabana. Ao seu remate , o presidente de Íntegro Adolfo López Baña, e a educadora social Tania Bartucca analizaron as principais causas e consecuencias de sufrir unha lesión medular, facendo especial fincapé na importancia da súa prevención. Neste senso, ambos coincidiron en destacar o notable incremento deste tipo de doenzas entre a poboación adulta, causadas, principalmente, no ámbito doméstico, laboral e no campo debido a unha falta de atención, un exceso de confianza ou como froito de caídas fortuítas. David Pombo e Teresa Alvarellos, vogal e socia da entidade, respectivamente, convertéronse en protagonistas involuntarios da xornada ao narrar as súas propias experiencias tras sufrir un accidente medular. Dous exemplos de vida, forza e superación que non deixaron indiferente a ninguén.

Acompañando aos representantes de Íntegro estiveron tamén varios responsables do Concello de Cabana, institución colaboradora da campaña de prevención que se imparte nos centros educativos de primaria e secundaria. Entre as autoridades locais figuraban o alcalde José Muiño, o concelleiro de Obras e Servizos Sociais, Carlos Allo; a concelleira de Turismo, Medio Ambiente e Medio Rural, Begoña Torrado e a educadora familiar, Cristina Morandeira. Dende o consistorio salientaron, unha vez máis, o importante labor divulgativo e preventivo desta campaña, xa consolidada entre os escolares da Costa da Morte.

Tras hora e media, a xornada rematou cunha quenda de intervencións que o público aproveitou para preguntar sobre o día a día dun lesionado medular e coñecer as principais barreiras ás que deben enfrontarse na súa vida diaria.

Desde Íntegro queremos dar as grazas a veciños/as, usuarios/as e autoridades locais pola súa asistencia a esta nova sesión encamiñada a sensibilizar e concienciar en materia de prevención a toda a poboación porque todos/as podemos ser vítimas dunha doenza medular. Vémonos na seguinte!