post

Máis de 200 persoas participarán mañá en Baio na Marcha do Día da Inclusión

Xa está todo preparado para a celebración da 4ª Xornada da Inclusión que este ano terá lugar na localidade de Baio (Zas) coincidindo coa II edición de Baio ten a Pelota. En poucas horas dará comezo un amplo programa de actividades dirixidas a toda a poboación para reivindicar e concienciar sobre a importancia da inclusión e a diversidade.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

A Marcha pola Diversidade será un dos actos centrais da xornada

Un dos actos centrais da xornada será Marcha Diversa pola Rúa que nesta edición contará coa participación de máis de 200 persoas pertencentes a diversas entidades sociais da provincia de A Coruña ademais doutros colectivos e institucións públicas que tamén se sumarán xunto aos veciños e veciñas que queiran asistir. Os actos darán comezo ás 11h cunha xuntanza de todos os participantes na praza Obispo Romero Lema. Media hora máis tarde, arrincará a Marcha Diversa que concluirá ás 12h coa lectura dun manifesto, elaborado polas entidades participantes, para reivindicar a inclusión social das persoas con diversidade funcional.  A continuación, como xa é costume, procederase á tradicional solta de globos.

Ruta do pincho inclusivo (1)

Os locais participantes na Ruta do Pincho Inclusivo disporán de ramplas móbiles para garantir a accesibilidade

Os actos institucionais darán paso a unhas das novidades con máis sabor desta edición: a ruta do pincho inclusivo, unha actividade froito da colaboración entre a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, os hostaleiros de Baio e a Asociación Íntegro, a través da súa área de traballo Costa da Morte Accesible (CMA). Esta peculiar iniciativa consistirá na instalación de ramplas móbiles, elaboradas polos usuarios/as do obradoiro de carpintería do centro ocupacional,  nos diferentes locais de hostalería que participan en Baio ten a Pelota para facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida e así garantir o dereito de todos/as a gozar do seu tempo de ocio e dun pinchos que lles deixarán moi bo sabor de boca.

A xornada matinal chegará ao seu remate a ritmo de zumba cunha divertidísima masterclass na que poderán participar todas as persoas que o desexen. Logo de tanta actividade tocará repoñer forzas cun xantar popular no pavillón municipal. Para os que quedaran con gañas de máis festa e diversión haberá karaoke e baile ata as 17h.

Stand Íntegro

ATURE

Pero a nosa presencia en Baio ten a Pelota continuará toda a fin de semana. Tanto o sábado como o domingo, Íntegro estará presente cun stand ubicado na rúa Obispo Romero Lema, no que poderás atopar ampla información sobre as nosas actividades e proxectos máis recentes, como o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade (PIMD Rural), Costa da Morte Accesible (CMA) ou Bicos de Amora, a nova liña de xabóns naturais de glicerina que imos presentar nesta feira. Ademais, haberá un posto permanente de venta de artigos onde non faltarán as últimas creacións elaboradas polos usuarios/as do centro ocupacional como as pulseiras de macramé ou as tellas personalizadas. O horario de atención ao público será de 10:30 a 20h.

Dende Íntegro queremos dar as grazas de antemán á Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, encargados da organización de Baio ten a Pelota, así como ao Concello de Zas por permitirnos compartir con eles estas datas tan importantes para a localidade e pola súa estreita colaboración na preparación da nosa 4ª Xornada da Inclusión. Así mesmo, agradecemos tamén a participación na Marcha pola Diversidade de todos os compañeiros/as procedentes doutras agrupacións da provincia e dos veciños/as que queiran sumarse ao gran Día da Inclusión. “No único no que somos = é que somos #”.

inclusion final 1