108 mulleres do rural, na súa maioría con diversidade funcional, beneficiáronse deste programa dende xaneiro de 2015
Nas vindeiras semanas a asociación Íntegro retomará a actividade do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito rural (PIMD Rural). Para elo, procederase a contactar cos concellos xa adheridos a este programa dirixido a mulleres, maioritariamente con disCapacidade, que está cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE), e deseñado e executado pola entidade ata o pasado día 30 de setembro. O primeiro paso para a posta en marcha da segunda edición pasará pola renovación dos convenios de colaboración cos municipios de Malpica, Laxe, Cabana e Ponteceso, que xa forman parte do mesmo dende comezos de ano.
Grazas á implicación e ao compromiso institucional, o PIMD Rural experimentou un notable crecemento na comarca de Bergantiños chegando a consolidarse como o principal servizo de atención e intervención para un dos colectivos máis vulnerables da sociedade. Dende que botou a andar en xaneiro de 2015, 108 mulleres beneficiáronse das diferentes accións formativas levadas a cabo para erradicar a discriminación e a desigualdade de oportunidades mediante o desenvolvemento de actividades que facilitan o seu empoderamento e reforzan o seu papel no ámbito rural ata acadar unha situación de normalidade. Neste sentido, os resultados non poden ser mellores! O 69% das usuarias lograron mellorar a súa situación persoal e/ou laboral mentres que un 18% acadou a súa plena integración en materia de educación e formación e o 7% conseguiu a obtención dalgunha cualificación. Ademais, o 6% das participantes acadou o seu primeiro emprego mellorando así a súa calidade de vida.
Balance
Por outra parte, os servizos de orientación, formación e a busca de emprego foron os máis solicitados polas beneficiarias do PIMD Rural acadando un nivel de participación do 81%. Así, o 36% das mulleres fixo uso do programa de orientación e información individual en materia de diversidade, e un 23% decantouse pola adquisición de competencias e habilidades profesionais. Outra das accións con gran aceptación entre as usuarias foron as encamiñadas á orientación laboral e acompañamento na procura de emprego, demandadas no 22% dos casos. A asistencia psicolóxica (11%) e a mediación familiar (8%) pechan a listaxe de prestacións ofrecidas dende os diferentes puntos de intervención, situados nas concellerías de servizos sociais e no Centro de Recursos de Nantón.
A adhesión de catro concellos bergantiñáns ao PIMD Rural, a primeiros de ano, posibilitou o achegamento de novos recursos a mulleres con diversidade funcional da zona rural. De feito, Ponteceso e Malpica son os municipios nos que se rexistran un maior nivel de participación, cun 33% e un 27%, respectivamente, seguido de Cabana (16%) e Laxe (14%) fronte ao 5% de Vimianzo ou Zas.
Dada a boa acollida que esta iniciativa está a ter na Costa da Morte e ante a crecente demanda de usuarias procedentes doutras localidades, en Íntegro seguimos traballando para ampliar o ámbito de actuación do PIMD a outros municipios e incrementar así a nosa colaboración cos servizos de proximidade á cidadanía.
Permanecede atentas porque moi pronto estaremos de volta!