post

Once usuarios/as de Íntegro desfrutan xa dos beneficios da natación terapéutica

Tras o parón provocado pola COVID-19, a entidade de Nantón recupera esta actividade, que se desenvolve unha vez á semana na piscina municipal de Cabana desde hai máis dunha década

Logo de máis dun ano de inactividade pola COVID-19, un grupo de usuarios e usuarias do noso Centro de Día e do Centro Ocupacional volve desfrutar dun novo curso de natación terapéutica na piscina municipal de Cabana co obxectivo de mellorar a súa coordinación, equilibrio e autonomía persoal, pero tamén para desfrutar dunha morea de xogos e actividades no medio acuático.

Desta volta, once persoas con discapacidade benefícianse xa desta actividade deportiva complementaria, enmarcada no programa de saúde e benestar do departamento de Fisioterapia da asociación Íntegro, que utiliza a auga cun fin correctivo e preventivo. De feito, a súa práctica está recomendada por médicos e especialistas como terapia continuada, especialmente, no caso de persoas con diversidade funcional e/ou pacientes con algún tipo de doenza lumbar ou lesión medular.

Como en anos anteriores, a duración do curso de natación terapéutica será de outubro a xuño, unha vez á semana (xeralmente os venres). Acompañados/as de dúas monitoras de apoio e unha profesora especializada en natación adaptada, o alumnado non só aprenderá a nadar, senón que tamén realizará exercicios de estimulación para contribuír a mellorar o seu funcionamento muscular e articular. Ademais dos innumerables beneficios físicos, as sesións repercutirán positivamente na adquisición dunha maior auto-confianza, independencia e capacidade de socialización.

Coa finalidade de adaptar as clases ás necesidades individuais de cada alumno/a e prestar unha atención totalmente personalizada, o número de participantes é sempre moi reducido. Este ano, son once os beneficiarios/as deste programa que, cada edición, renova o alumnado para garantir a participación de todos/as e cubrir así a demanda existente.

Agardamos que este curso dea resultados tan positivos como en anos anteriores e que os nosos usuarios/as gocen dunha experiencia saudable e divertida a partes iguais. Non perdades de vista os seus progresos. Quen sabe se este pode ser o comezo dunha prometedora carreira deportiva. Permanecede ben atentos/as!!

 

post

Íntegro lánzase á piscina nunha nova edición do programa de natación terapéutica

A natación terapéutica é un programa de rehabilitación que utiliza as actividades acuáticas cun fin correctivo e de prevención, aproveitando as propiedades físicas que este medio aporta, mediante a práctica de exercicios e movementos específicos recollidos no marco da natación educativa. Cando o corpo entra en contacto coa auga, pesa menos e adquire maior flexibilidade poñendo en funcionamento todos os seus membros e activando os músculos, articulacións, tendóns, neuronas, etc. Sen dúbida, trátase dun deporte moi completo e con numerosos e probados beneficios, recomendado por médicos e especialistas como terapia continuada no caso de persoas con diversidade funcional e/ou pacientes que sofren algún tipo de doenza lumbar ou lesión medular.

img-20161118-wa0022En Íntegro sabémolo e, por iso, dende hai máis de seis anos ofrecemos aos nosos usuarios e usuarias un servizo de natación terapéutica como complemento ao programa de saúde e benestar que levamos a cabo no centro xunto co departamento de fisioterapia.

A actividade, que se desenvolve de outubro a maio na piscina municipal de Cabana, ten unha duración aproximada de oito meses e está impartida por monitores especializados en natación adaptada que, ademais de ensinar a nadar, realizan exercicios de estimulación dentro da auga para mellorar o funcionamento muscular e articular dos usuarios/as. As sesións lévanse a cabo unha vez á semana, xeralmente os venres, durante unha hora.img-20161118-wa0014

Coa finalidade de adaptar as clases ás necesidades individuais de cada alumno/a e prestar unha atención totalmente personalizada establécese un grupo moi reducido, formado tan só por 7 usuarios do centro de día e do centro ocupacional, que se renova cada ano para garantir a participación de todos os interesados/as e cubrir así a demanda existente.

Agardamos que este curso dea resultados tan positivos como en anos anteriores e que os nosos usuarios/as gocen dunha experiencia tan saudable como divertida. E quen sabe se este pode ser o comezo dunha longa e prometedora carreira deportiva!! Seguirémosvos informando dos seus progresos.

img-20161118-wa0012

img-20161118-wa0010