As familias interesadas en acollerse a este servizo xa teñen á súa disposición toda a documentación e os formularios necesarios
A Federación Galega de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia) acaba de publicar a documentación e os formularios necesarios para participar no seu programa de Respiro Familiar 2017, dirixido ás familias de persoas con discapacidade intelectual coa finalidade de proporcionarlles os medios facilitadores para que poidan afrontar con maior acougo o seu día a día e gozar dunhas xornadas de descanso e tranquilidade.
Así mesmo, con este servizo tamén se pretende diminuír a tensión familiar, previr situacións de crise persoal ou familiar, favorecer dinámicas familiares e de parella normalizada, e evitar o desarraigo e o deterioro das familias, favorecendo a integración no medio e a solidariedade cidadá coas persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento. Pero, sen dúbida, un dos seus principais beneficios é que facilita a permanencia no entorno familiar da persoa con diversidade, evitando así a súa inclusión en programas de maior custe económico e social.
As quendas
As quendas de respiro familiar concéntranse habitualmente en pontes e períodos de vacacións. Neste tempo, os monitores organizan unha serie de actividades en función dos intereses e preferencias dos/das participantes que, na medida do posible, tratan de acordar previamente. Entre outras iniciativas destacan as excursións á praia e á piscina, os paseos, saídas ao cine e ao teatro ou as visitas a museos e exposicións.
Así mesmo, cada familia pode utilizar un máximo de 20 días de servizo ao ano para estancias programadas en instalacións comunitarias, que poderán chegar ata un máximo de 30 en caso de persoas con familiares que presenten algún problema de conduta, e 60 horas de apoios individuais para facilitar a conciliación da vida familiar, social e laboral.
Se queres darte un respiro ou precisas axuda no teu día a día, bota unha ollada ao programa elaborado por FADEMGA para este ano e escolle a opción que máis che conveña. Preme no seguinte enlace e infórmate sobre a documentación que precisas e a Solicitude de respiro familiar 2017. Para máis información podes chamar ao 981 519 650 ou consultar a web de FADEMGA en www.fademga.org. Dende Íntegro queremos animar a todas as familias a participar neste programa e darse o respiro que se merecen. Anímate e anótate xa!