post

Restituído o servizo de atención presencial individualizada do PIMD Rural

  • As interesadas, prioritariamente mulleres con discapacidade do rural, deberán solicitar cita previa a través do 981 734 985 ou en info@integro.es
  • Esta prestación forma parte do Punto de Intervención para Mulleres, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE)

Tras finalizar o estado de alarma, o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural) vai, pouco a pouco, recuperando o seu funcionamento habitual, aínda que adaptado ás novas restricións para garantir as medidas de protección e hixiene establecidas para evitar futuros contaxios. A atención telefónica e online, prestada desde Íntegro durante o período de confinamento, deu paso nesta etapa de transición cara unha nova normalidade a un servizo de atención presencial e individualizada nas nosas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños), a través do sistema de cita previa, co fin de continuar ofrecendo asesoramento e información integral a un dos colectivos máis vulnerables, especialmente, na contorna rural.

Ademais de prestar colaboración en materia de orientación e intermediación laboral e profesional para a mellora da empregabilidade, desde o punto de intervención tamén se está a ofrecer axuda en materia de recursos, apoio psicolóxico e mediación familiar para a resolución de posibles conflitos xurdidos no ámbito doméstico durante a corentena.   

As mulleres, prioritariamente, con diversidade funcional que residan no ámbito rural e estean interesadas en solicitar este servizo de atención presencial, deberán poñerse en contacto con Íntegro chamando previamente ao 981 734 985 ou enviando un correo electrónico a info@integro.es para concertar a súa cita. No momento de acudir ao centro, deberán levar tapabocas, manter a distancia de seguridade e facer uso dos xeles que temos a disposición do público.

PIMD Rural

O programa PIMD Rural, así como todas as accións que o integran, están financiadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE). Entre os seus obxectivos destaca fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, dotándoas dunha maior autonomía e independencia de cara á mellora da súa situación persoal, social e laboral, e ofrecéndolles unha atención personalizada e especializada para a súa integración na sociedade e no mercado de traballo.