post

A conselleira de Política Social Fabiola García visita Íntegro para coñecer as principais demandas da entidade

Estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta de Galicia, o alcalde de Cabana e varios membros do goberno local que reafirmaron o seu apoio e compromiso co centro

A conselleira de Política Social, Fabiola García, achegouse ata Íntegro para coñecer de primeira man o funcionamento do Centro de Día e do Centro Ocupacional así como as principais necesidades da nosa entidade e os nosos proxectos de futuro máis inmediatos. Durante a visita tamén estivo acompañada polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño; os concelleiros Carlos Allo e Begoña Torrado, e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro.

O presidente de Íntegro Adolfo López Baña; o tesoureiro Silvestre Couto; a directora Noelia Barreira; a traballadora social e coordinadora de proxectos Sandra Reimúndez; a educadora social Tania Bartucca; a xerente de MáisPorvir Sandra Caamaño e un nutrido grupo de traballadoras e usuarios/as, que exerceron de excelentes anfitrións/as, foron os encargados de dirixir a visita da titular de Política Social polas instalacións de Nantón para amosarlle, unha a unha, as aulas e os talleres nos que se desenvolven boa parte dos programas de inserción socio-laboral que se están levando a cabo, no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020, promovidos pola Consellería e co-financiados polo Fondo Social Europeo (FSE). Ademais de interesarse polo traballo levado nos obradoiros ocupacionais como o de elaboración de xabóns de glicerina, bixutería ou candeas personalizadas, a comitiva prestou especial atención ao labor desempeñado nos invernadoiros como instrumento para a adquisición de valores, coñecementos e autonomía persoal.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Así mesmo, Fabiola García non quixo perder a oportunidade de compartir conversa e algún que outro xogo cos usuarios e usuarias para coñecer de primeira man a realidade das persoas co diversidade funcional e recoller as principais necesidades dunha entidade que cualificou de “referencia non só na comarca de Bergantiños, senón en toda Galicia na atención á discapacidade” e á que trasladou os seus parabéns polo excelente traballo desenvolvido neste eido. Neste sentido, Adolfo López Baña asegurou que a ampliación do centro é unhas das prioridades de Íntegro a curto prazo “para poder satisfacer a demanda existente e mellorar así na atención aos usuarios/as, que ascenden xa a 43, e no volume de actividades ofertadas”, puntualizou. Para elo, afirmou contar coa compromiso do alcalde de Cabana para a cesión duns terreos municipais próximos á entidade, que agardamos se faga realidade tras a aprobación do PXOM, e un posible incremento de prazas por parte da Xunta de Galicia, que na actualidade está a financiar 14: 8 no Centro Ocupacional e 6 no Centro de Día. 

Ao rematar a visita fíxose entrega dun lote de obsequios ás autoridades, entre as que figuraba o calendario solidario de Íntegro para o 2020 e algúns productos elaborados á man polos propios usuarios/as.