A medida, contemplada nos estatutos, foi aprobada por unanimidade na asemblea extraordinaria de socios/as celebrada o pasado sábado en Nantón
O Centro de Recursos de Nantón converteuse o sábado pasado no punto de encontro de socios/as, usuarios/as, familiares e amigos/as da entidade, que se achegaron ata as nosas instalacións para gozar dunha xornada de convivencia, boa gastronomía e moita diversión na que a música e o ambiente festivo predominaron durante todo o día, logo dunha intensa mañá de traballo na que se celebraron dúas asembleas xerais de socios/as, unha de carácter ordinario e outra extraordinaria.
Ambas xuntanzas transcorreron sen novidades seguindo a orde do día establecida para cada unha delas. Así, na primeira, celebrada a partir das 11h, deuse conta das actividades levadas a cabo o ano pasado e procedeuse á aprobación do estado contable de 2016 e dos orzamentos e actividades previstas para o presente exercicio. Unha vez finalizada esta reunión deu comezo a sesión extraordinaria e con ela, as novidades e o debate.
Un dos primeiros cambios propostos pola Xunta Directiva afectou directamente aos seus estatutos coa finalidade de modificar o ámbito de actuación da asociación e, por conseguinte, a súa denominación. Tras un amplo debate entre os socios/as, a decisión foi unánime e procedeuse a súa aprobación pasando a chamarse “Asociación INTEGRO das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte” . Deste xeito, ademais de englobar as comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, o novo nome aporta unha fácil e rápida localización do territorio e fai alusión a unha marca de calidade, con identidade propia e sobradamente coñecida.
Outra das novidades da convocatoria extraordinaria tivo como protagonistas a varios membros da Xunta Directiva que mudaron os seus cargos. Así, púxose en coñecemento dos asociados/as o cese voluntario da vogal María José Cousillas Baneira e pronunciouse o nomeamento como vogais de Mónica Suárez Blanco e de Ramón Porteiro Álvarez, ata o de agora vicesecretaria e vicetesoureiro, respectivamente.
Ambiente festivo
As asembleas deron paso a un ambiente moito máis festivo e relaxado que comezou coa celebración dunha sesión vermú a cargo dun dúo musical moi especial, composto pola nosa logopeda, Beatriz Loureiro, e o seu compañeiro, Ricardo Blanco. A ritmo de cumbia, pasodobre e chachachá, os convidados foron tomando asento para degustar un cocido á altura dos padais máis esixentes e ao que non lle faltou detalle.
Ao longo da tarde houbo actividades para todas as idades, sorpresas, máis baile, agasallos e, sobre todo, momentos para rir, conversar e compartir coa familia e os amigos/as. Grazas a todos e a todas por asistir e parabéns ao noso equipo polo traballo realizado.