A contratación das novas traballadoras forma parte do programa de cooperación entre a Xunta de Galicia e as entidades sociais sen ánimo de lucro
O 2022 arrinca con boas novas para Íntegro grazas ao programa de cooperación entre a Xunta de Galicia e as entidades sociais sen ánimo de lucro, que subvenciona a Consellería de Emprego e Igualdade. Ao noso centro de Nantón súmanse agora dúas novas traballadoras (1 logopeda e 1 Técnico de atención sociosanitaria) coas que pretendemos mellorar a atención individualizada aos nosos usuarios e usuarias.
Pilar Noya será a responsable do servizo de logopedia, desde o que se realizan numerosas accións encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos nosos usuarios e das súas familias. Entre as súas funcións destacan a detección, identificación, avaliación e tratamento dos trastornos da comunicación, linguaxe, fala, voz e deglutición ademais da realización de intervencións adaptadas ás necesidades de cada usuario/a, posta en marcha de actividades grupais, participación na elaboración dos Plans Individuais de Atención Social (PIAS) e asesoramento familiar sobre os exercicios realizados para mellorar a súa xeneralización.
Pola súa banda, Nieves García incorpórase como técnico de atención sociosanitaria para proporcionar apoio educativo e social ás persoas usuarias do Centro de Día e colaborar no desempeño das actividades da vida diaria do Centro de Recursos. Benvidas, chicas!