Ovidio Rodeiro Tato acudiu a Nantón acompañado do alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos de Cabana
Esta mañá o delegado territorial da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, realizou unha visita oficial ao Centro de Recursos de Íntegro en Nantón (Cabana) para coñecer en primeira persoa o funcionamento da entidade e abordar algúns dos programas de sensibilización social en materia de diversidade funcional nos que tamén colabora a Administración Autonómica. Durante a súa estancia estivo acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, Manuel Muíño, e o concelleiro de Obras e Servizos, Carlos Allo.
O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, exerceu de anfitrión xunto á directora do centro, Noelia Barreira, e outros representantes da directiva da asociación, durante o amplo e minucioso percorrido que realizaron polas instalacións para coñecer as actividades diarias que levan a cabo os nosos usuarios e usuarias así como algúns dos obradoiros formativos que se desenvolven no Centro de Día e no Centro Ocupacional. Ademais, durante o paseo realizaron varias paradas para observar con detalle, por exemplo, as tarefas de acondicionamento e conservación dos invernadoiros así como o asombroso traballo realizado nos talleres de artes manuais (xabóns de glicerina, escaiola, bixutería, etc).
Na súa primeira visita a Íntegro, o delegado amosouse especialmente interesado nos programas educativos de sensibilización para escolares da Costa da Morte en materia de diversidade e inclusión social como a campaña de prevención de lesións medulares ou o proxecto Visítanos!, enmarcados no programa Capacíta-T co que colabora, ademais doutras entidades e institucións, a Xunta de Galicia.
Outra das accións abordadas foi o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no Rural (PIMD Rural), co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e o Fondo Social Europeo, sobre o que destacou a importante labor realizada por Íntegro en favor dun dos colectivos máis vulnerables e desfavorecidos da sociedade actual, as mulleres. Neste senso, Ovidio Rodeiro subliñou a necesidade de seguir desenvolvendo programas específicos para a formación e a inserción laboral da muller de cara ao seu empoderamento e manifestou a súa intención de continuar prestando todo o apoio institucional que sexa necesario. Pola súa banda, López Baña, agradeceu o compromiso da Xunta e insistiu na necesidade de desenvolver programas de cooperación coa Administración como os que xa vén mantendo cos concellos da comarca, e en especial co de Cabana, para a posta en marcha destes e outros programas.
Do mesmo xeito, o delegado territorial de Xunta comprometeuse a trasladar e axilizar as necesidades actuais da entidade ante os organismos autonómicos competentes ademais de colaborar estreitamente nos proxectos a curto e medio prazo da nosa asociación co fin de unir lazos en favor das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.
Finalmente, serviuse un aperitivo elaborado polos propios usuarios e usuarias do obradoiro de cociña de Íntegro que deixou con moi bo sabor de boca tanto ao delegado territorial como ás autoridades que o acompañaban, que aseguraron quedar con ganas de volver a visitarnos moi pronto.