As obras realizáronse con cargo ao programa FOIE da Deputación da Coruña destinado a entidades sen fins de lucro e coa co-financiación da Xunta de Galicia, xestionada por COGAMI a través dos fondos do 0,7% do IRPF destinados a fins sociais
En Íntegro vimos de rematar as obras da “Fase 2ª Formación de Fachada Ventilada do Centro de Recursos Íntegro” como continuidade ao proxecto iniciado a finais de 2017 para a reparación e acondicionamento integral da cuberta exterior das nosas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños). Así, coa realización destes traballos, completase o illamento térmico e acústico da fachada, de cara á obtención dun maior aforro enerxético e unha ventilación natural máis eficaz, coa que se pon fin aos problemas de condensación que viñamos sufrindo ata o de agora. A mellora das condicións de habitabilidade tamén repercutirá positivamente nunha maior calidade de vida tanto para as persoas usuarias do centro como para os/as traballadores e visitantes que cada día se achegan ata as nosas instalacións.
Dita reforma, executada durante o primeiro trimestre de 2019 pola empresa Aluminios Beres con cargo ao programa FOIE 2018, que a Deputación de A Coruña destina a entidades sen fins de lucro para a inversión de servizos sociais, conta ademais coa co-financiación da Xunta de Galicia, xestionada por COGAMI, a través dos fondos do 0,7% do IRPF, procedente da convocatoria de subvencións que os contribuíntes derivan a “actividades de interese social” marcando o X Solidario no recadro 106 da súa declaración da renda.