post

Visita do alcalde de Cabana ao Centro de Recursos Íntegro

 José Muíño, que acudiu acompañado polo concelleiro de Obras, Carlos Allo, foi recibido polo presidente de Íntegro, o tesoureiro e a directora do centro

O mes de xullo arrincou coa visita institucional do alcalde de Cabana, José Muíño, que, tras recibir o convite de Íntegro, achegouse este xoves ata o Centro de Recursos de Nantón para coñecer de primeira man as necesidades actuais da entidade e saudar aos seus usuarios/as. O rexedor, que acudiu acompañado polo concelleiro de obras Carlos Allo, foi recibido polo noso presidente, Adolfo López Baña, e a directora Noelia Barreira. Durante o percorrido estiveron tamén presentes o tesoureiro, Silvestre Couto, e a xerente da empresa de xestión social Máis Porvir, Sandra Caamaño.

Unha das primeiras paradas da visita tivo lugar no exterior do Centro de Recursos coa finalidade de supervisar as obras de remodelación levadas a cabo na fachada do edificio con cargo ao programa FOIE da Deputación da Coruña, destinado a entidades sen fins de lucro, e coa co-financiación da Xunta de Galicia, xestionada por COGAMI a través dos fondos do 0,7% do IRPF destinados a fins sociais. A execución da 2º fase do proxecto de formación de fachada ventilada, levada a cabo no primeiro trimestre do ano, veu a sumarse aos traballos iniciados a finais de 2017 para a reparación e acondicionamento integral da fachada exterior das instalacións de Nantón coa que, ademais de mellorar notablemente a súa imaxe, logrouse proceder ao illamento térmico e acústico da fachada de cara á obtención dun maior aforro enerxético e unha ventilación natural máis eficaz.

Así mesmo, a comitiva tamén se achegou ata Centro Especial de Emprego para ver a nova maquinaria que vén de adquirir a empresa de xestión social, a través dunha subvención para investimentos en activos fixos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a realización de traballos de limpeza e mantemento así como de xardinería. Tanto o alcalde como o concelleiro de Cabana aproveitaron a súa estancia en Nantón para conversar cos usuarios/as e interesarse polo traballo que desenvolven nos diferentes talleres.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro trasladou ás autoridades locais ás novas necesidades do centro. Entre as máis inmediatas, Adolfo López Baña destacou a posta en marcha da 1ª fase do proxecto de renovación da cuberta, actualmente á espera da resolución definitiva do programa FOIE 2019 da Deputación da Coruña. A ampliación dos baños e a renovación dalgúns elementos do mobiliario (portas…) para adaptalos ás necesidades específicas dos usuarios/as completaron as demandas que a entidade agarda poder facer realidade entre este ano e o que vén.
Neste senso, o alcalde de Cabana comprometeuse a seguir colaborando con Íntegro e Máis Porvir e seguir traballando conxuntamente para mellorar a calidade de vida e a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional.