A entidade de Nantón doa 500 € ao Hogar San Camilo de Vagues grazas á aportación da empresa de Xestión Social Máis Porvir e á recadación da campaña de Nadal
En Íntegro arrincamos o ano cunha moi boa nova. Grazas á vosa solidariedade e compromiso cos colectivos máis desfavorecidos logramos que o soño de moitas persoas non se desvaneza e estea xa máis preto de converterse en realidade. Falamos dos usuarios e usuarias con diversidade funcional do Hogar San Camilo de Vagues (Arxentina), aos que vimos de enviar unha axuda económica por valor de 500€, procedentes da recadación da venda de agasallos e produtos da campaña de Nadal (250€) e da aportación económica realizada pola nosa empresa de Xestión Social Máis Porvir (250€).
Desde a asociación Íntegro decidimos sumarnos á cadea de solidariedade iniciada en Ponteceso, de onde é natural o actual director da entidade arxentina Juan Antonio Amado Castiñeira, co único propósito de contribuír así a evitar o peche dunha institución con máis de 40 anos de historia e na que residen 70 persoas con discapacidade. E, grazas a todos/as vós, logramos aportar o noso pequeno gran a unha boa causa.