post

Íntegro recibe unha doazón de RS Motor para o financiamento do seu programa de inclusión socio-laboral

Ramón Rúa, xerente da empresa, aproveitou a súa estancia en Nantón para visitar as instalacións e coñecer polo miúdo o seu funcionamento

É tempo de celebración pero tamén de solidariedade e de agasallos como os que xa están a encher a nosa árbore de Nadal. Pero este ano contamos ademais cunha doazón moi especial que vén de realizar un dos nosos colaboradores habituais, a empresa RS Motor Power Solutions, como mostra do seu compromiso social coa nosa entidade co fin de mellorar a situación socio-laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

O pasado sábado recibimos no Centro de Recursos a visita do xerente de RS Motor, Ramón Rúa, que se desprazou ata as nosas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños) para facernos entrega dun cheque por valor de 2.000 €, que irá destinado á realización de novas actividades do noso programa de ocio e tempo libre. O presidente de Íntegro Adolfo López Baña foi o encargado de recoller o talón xunto á directora do centro e varios usuarios e usuarias. Pola súa banda, López Baña agradeceu a doazón ao tempo que destacou o compromiso e a solidariedade de RS Motor con Íntegro desde hai xa catro anos “colaborando no financiamento e/ou patrocinio de diferentes proxectos e programas co propósito de contribuír a mellorar a calidade de vida socio-laboral das persoas con discapacidade”. Así mesmo, Ramón Rúa destacou “a necesidade dunha maior implicación social, desde o ámbito privado e público, cos colectivos máis desfavorecidos e/ou en risco de exclusión, para lograr unha sociedade máis inclusiva e igualitaria na que todos/as teñamos os mesmos dereitos e oportunidades”.

Aproveitando a súa estancia en Nantón, o xerente de RS Motor realizou unha visita polas nosas instalacións da man de Daniel, Bruno e Rubén, tres usuarios de Íntegro que fixeron de perfectos anfitrións, acompañados por algúns membros da xunta directiva e da dirección. Ademais de explicarlle polo miúdo o funcionamento do Centro de Día e do Centro de Recursos, a comitiva realizou un percorrido polas diferentes aulas e obradoiros para coñecer “in situ” os traballos que nestes intres se están a realizar desde o Centro Especial de Emprego.

Ao remate, o xerente de RS Motor foi agasallado co novo calendario solidario de Íntegro para 2020 e un xabón de glicerina da nosa colección de Bicos de Amora. 

Desde Íntegro queremos agradecer o apoio e a inestimable colaboración de RS Motor, así como de todos os colaboradores que día a día fan posible que poidamos desenvolver novos programas e recursos para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

Moitas grazas a todos/as e Bo Nadal!