post

Íntegro recibe unha doazón de RS Motor para o financiamento do seu programa de inclusión socio-laboral

Ramón Rúa, xerente da empresa, aproveitou a súa estancia en Nantón para visitar as instalacións e coñecer polo miúdo o seu funcionamento

É tempo de celebración pero tamén de solidariedade e de agasallos como os que xa están a encher a nosa árbore de Nadal. Pero este ano contamos ademais cunha doazón moi especial que vén de realizar un dos nosos colaboradores habituais, a empresa RS Motor Power Solutions, como mostra do seu compromiso social coa nosa entidade co fin de mellorar a situación socio-laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

O pasado sábado recibimos no Centro de Recursos a visita do xerente de RS Motor, Ramón Rúa, que se desprazou ata as nosas instalacións de Nantón (Cabana de Bergantiños) para facernos entrega dun cheque por valor de 2.000 €, que irá destinado á realización de novas actividades do noso programa de ocio e tempo libre. O presidente de Íntegro Adolfo López Baña foi o encargado de recoller o talón xunto á directora do centro e varios usuarios e usuarias. Pola súa banda, López Baña agradeceu a doazón ao tempo que destacou o compromiso e a solidariedade de RS Motor con Íntegro desde hai xa catro anos “colaborando no financiamento e/ou patrocinio de diferentes proxectos e programas co propósito de contribuír a mellorar a calidade de vida socio-laboral das persoas con discapacidade”. Así mesmo, Ramón Rúa destacou “a necesidade dunha maior implicación social, desde o ámbito privado e público, cos colectivos máis desfavorecidos e/ou en risco de exclusión, para lograr unha sociedade máis inclusiva e igualitaria na que todos/as teñamos os mesmos dereitos e oportunidades”.

Aproveitando a súa estancia en Nantón, o xerente de RS Motor realizou unha visita polas nosas instalacións da man de Daniel, Bruno e Rubén, tres usuarios de Íntegro que fixeron de perfectos anfitrións, acompañados por algúns membros da xunta directiva e da dirección. Ademais de explicarlle polo miúdo o funcionamento do Centro de Día e do Centro de Recursos, a comitiva realizou un percorrido polas diferentes aulas e obradoiros para coñecer “in situ” os traballos que nestes intres se están a realizar desde o Centro Especial de Emprego.

Ao remate, o xerente de RS Motor foi agasallado co novo calendario solidario de Íntegro para 2020 e un xabón de glicerina da nosa colección de Bicos de Amora. 

Desde Íntegro queremos agradecer o apoio e a inestimable colaboración de RS Motor, así como de todos os colaboradores que día a día fan posible que poidamos desenvolver novos programas e recursos para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

Moitas grazas a todos/as e Bo Nadal!

post

Íntegro lanza un proxecto de crowdfunding para a creación dun xardín terapéutico adaptado

O proxecto está aberto á participación da cidadanía a través da páxina web da Fundación Develop

Para a Asociación Íntegro, o 2016 está a ser un ano repleto de proxectos e iniciativas en favor das persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. E agora, coa colaboración da cidadanía, queremos ir un paso máis alá. En Íntegro vimos de poñer en marcha un novidoso e ilusionante proxecto de crowdfunding para facer realidade un fermoso e moi ansiado soño: construír un xardín terapéutico adaptado para uso e gozo dos nosos usuarios/as, así como das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

IMG_5670Con esta iniciativa, que conta co apoio da Fundación Develop e COGAMI, preténdese crear un novo espazo axardinado ao aire libre, deseñado especificamente para desenvolver e potenciar as capacidades e habilidades das persoas con disCapacidade, obtendo importantes beneficios físicos, psicolóxicos e sociais na súa vida diaria. A través das cores, dos aromas e das texturas poderemos estimular a memoria e a mente, mellorar a percepción do tempo, aumentar a autoestima e fomentar a actividade física. O xardín terapéutico tamén brindará a oportunidade de manter un contacto permanente coa natureza propiciando as relacións interpersoais e novas formas de expresión social.

Esta zona verde adaptada contará con sendeiros accesibles para persoas con mobilidade reducida, xardineiras a diferentes alturas e espazos habilitados para a realización de todo tipo de actividades. O mobiliario (bancos, macetas…) será construído en madeira polos usuarios e usuarias do obradoiro de carpintería do noso Centro de Recursos de Nantón ao igual que a plantación de herbas aromáticas, arbustos, céspede e outro tipo de árbores froiteiras.IMG-20160704-WA0020

Financiamento

Ao tratarse dun proxecto de crowdfunding, a súa viabilidade depende exclusivamente da colaboración solidaria e desinteresada da cidadanía. Trátase dun método de financiación colectiva xestionado integramente dende unha páxina web que colabora facendo posible a realización de proxectos sociais singulares e moi innovadores. As persoas que desexen contribuír a facer realidade este soño poderán participar, ata o vindeiro mes de setembro, con doazóns económicas (de 10 a 500 €, en función da capacidade de cadaquén) a través da páxina www.grupodevelop.com, apartado crowdfunding, proxecto Xardín terapéutico adaptado Asociación Íntegro. Para máis información tamén podes chamar ao 981 734. Esta vez a nosa terapia está nas túas mans. Non o dubides! Axúdanos a conseguilo! Contigo é posible!