O proxecto está aberto á participación da cidadanía a través da páxina web da Fundación Develop
Para a Asociación Íntegro, o 2016 está a ser un ano repleto de proxectos e iniciativas en favor das persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. E agora, coa colaboración da cidadanía, queremos ir un paso máis alá. En Íntegro vimos de poñer en marcha un novidoso e ilusionante proxecto de crowdfunding para facer realidade un fermoso e moi ansiado soño: construír un xardín terapéutico adaptado para uso e gozo dos nosos usuarios/as, así como das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.
Con esta iniciativa, que conta co apoio da Fundación Develop e COGAMI, preténdese crear un novo espazo axardinado ao aire libre, deseñado especificamente para desenvolver e potenciar as capacidades e habilidades das persoas con disCapacidade, obtendo importantes beneficios físicos, psicolóxicos e sociais na súa vida diaria. A través das cores, dos aromas e das texturas poderemos estimular a memoria e a mente, mellorar a percepción do tempo, aumentar a autoestima e fomentar a actividade física. O xardín terapéutico tamén brindará a oportunidade de manter un contacto permanente coa natureza propiciando as relacións interpersoais e novas formas de expresión social.
Esta zona verde adaptada contará con sendeiros accesibles para persoas con mobilidade reducida, xardineiras a diferentes alturas e espazos habilitados para a realización de todo tipo de actividades. O mobiliario (bancos, macetas…) será construído en madeira polos usuarios e usuarias do obradoiro de carpintería do noso Centro de Recursos de Nantón ao igual que a plantación de herbas aromáticas, arbustos, céspede e outro tipo de árbores froiteiras.
Financiamento
Ao tratarse dun proxecto de crowdfunding, a súa viabilidade depende exclusivamente da colaboración solidaria e desinteresada da cidadanía. Trátase dun método de financiación colectiva xestionado integramente dende unha páxina web que colabora facendo posible a realización de proxectos sociais singulares e moi innovadores. As persoas que desexen contribuír a facer realidade este soño poderán participar, ata o vindeiro mes de setembro, con doazóns económicas (de 10 a 500 €, en función da capacidade de cadaquén) a través da páxina www.grupodevelop.com, apartado crowdfunding, proxecto Xardín terapéutico adaptado Asociación Íntegro. Para máis información tamén podes chamar ao 981 734. Esta vez a nosa terapia está nas túas mans. Non o dubides! Axúdanos a conseguilo! Contigo é posible!