Membros da entidade están a percorrer diferentes praias, peiraos e piscinas da Costa da Morte para comprobar os focos de risco e incidir na prevención de accidentes
Como xa vén sendo habitual por esta datas, na asociación Íntegro iniciamos unha ronda de visitas polos municipios costeiros da nosa contorna para proceder á comprobación ocular dos focos de alto risco de lesións medulares por mergullos na Costa da Morte e incidir na súa prevención. Cada ano prodúcense en Galicia arredor de 100 accidentes medulares, dos que o 5% teñen a súa orixe nas prácticas de risco que se realizan en piscinas, ríos e praias. E lonxe de evitalas, cada vez son máis os adultos e adolescentes que expoñen as súas vidas en zonas altamente perigosas como as entradas a diques, peiraos e rías con pouco caudal de auga.
Como evitalo? O sentido común é a mellor defensa! En caso de mergullos, é imprescindible inspeccionar o fondo para comprobar tanto o seu interior como a súa profundidade. Aínda que na zona non haxa rocas saíntes do leito mariño, nin chanzos de pedra ou maleza ocultos pola area ou as plantas, NUNCA debemos tirarnos de cabeza. Neste senso, desde a entidade de Nantón faise un chamamento público a todas as administracións e organismos competentes para que procedan á correspondente sinalización de prohibición deste tipo de prácticas, ademais de apelar á concienciación cidadá para a súa erradicación. O verán é para gozalo e este tipo de lesións son evitables no 100% dos casos.
Estas son algunhas recomendacións para desfrutar dunhas vacacións tranquilas e sen correr riscos innecesarios.
. Comprobar sempre a profundidade da auga antes de tirarse de cabeza. (A OMS recomenda que haxa como mínimo 1.5 metros de profundidade).
. Evitar inmersións bruscas.
. Ter moito coidado cos ríos e rías porque o caudal da auga varía continuamente.
. Extremar a precaución en bordos e zonas húmidas de piscinas.
. Evitar bañarse en caso de consumir alcohol.
. Respectar os sinais de advertencia de perigo e normas de conduta en praias e piscinas. No caso de que non as haxa, como usuarios/as destas zonas debemos esixilas aos organismos competentes.
Como actuar en caso de accidente?
- Avisar aos servizos de emerxencias ou acudir ao socorrista máis próximo da praia ou piscina.
- Intentar non mobilizar ao accidentado/a. En caso de perigo de afogamento, desprazalo/a sempre entre varias persoas.
Lembra que o verán é para desfrutar. Non xogues coa túa vida. Usa a cabeza!