post

A Asociación Íntegro e a hostalería de Baio avanzan cara a accesibilidade universal coa Ruta do Pincho Inclusivo

Xa queda menos para o Día da Inclusión, que este ano terá lugar o 6 de maio en Baio, coincidindo co evento comercial “Baio ten a Pelota”, organizado pola Asociación de Empresarios Comarca de Soneira para esa fin de semana.

Co lema “Nós tamén temos a pelota” desenvolveremos un amplo programa de actividades dirixidas a toda a poboación coa finalidade de reivindicar a inclusión social das persoas con diversidade funcional. Ademais de actos como a Marcha pola Diversidade, os obradoiros ou a instalación do stand da asociación, este ano incorporaremos algunhas novidades moi atractivas e tamén moi saborosas. Tomade boa nota!

Por primeira vez, grazas á colaboración entre Íntegro, a través da área de traballo Costa da Morte Accesible, e a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, celebraremos a Ruta do Pincho Inclusivo, na que se garantirá a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida aos locais de hostalería mediante a colocación dunha serie de ramplas móbiles elaboradas polos usuarios/as do noso obradoiro ocupacional de carpintería.

pincho inclusivo

Os locais de hostalería disporán de ramplas móbiles para a Ruta do Pincho Inclusivo

Dende a asociación Íntegro pretendemos reivindicar o dereito de todos e todas a gozar por igual do tempo de ocio, dotando de infraestruturas e recursos necesarios os espazos públicos, ademais de concienciar á sociedade para seguir dando pasos de cara a acadar a necesaria accesibilidade universal no ámbito da Costa da Morte.

Querer é poder. Esa é a nosa filosofía. E estamos convencidos de que co esforzo, o compromiso e o traballo de todos/as podemos conseguilo.

A Ruta do Pincho Inclusivo é unha das novas accións enmarcadas nunha xornada repleta de novidades que che deixará, polo de agora, moi bo sabor de boca. En breve contarémosche máis. Anímate e participa! Nós tamén temos a pelota, e ti?