post

Máis de 200 persoas con diversidade funcional reivindican en Baio a inclusión para a autonomía persoal e unha vida independente

“Hoxe tomamos as rúas para facernos visibles”. Con esta declaración de intencións comezou o manifesto que as entidades participantes na 4ª Xornada de Inclusión organizada pola Asociación Íntegro leron ao remate do percorrido reivindicativo por Baio. “Estamos aquí para mandar unha mensaxe á sociedade que queremos que chegue tamén aos oídos dos políticos: queremos a inclusión para acadar a autonomía persoal e desenvolver un proxecto de vida independente”. Un obxectivo para o que é preciso que se adopten as medidas necesarias para acabar coa desigualdade, que se cree conciencia sobre a existencia de realidades e capacidades diversas “que poden aportar moito á sociedade”, que as persoas con diversidade funcional non sexan excluídas na toma de decisións que lles afectan, que se promovan as condicións necesarias nos ámbitos educativo, laboral ou social que garantan a súa autonomía “para poder desenvolver unha vida plena”, e que se fomente o “cambio de mentalidade” necesario para avanzar cara a inclusión real.

IMG_1535

As rúas de Baio enchéronse de persoas reivindicando a súa plena inclusión na sociedade

Non é unha tarefa doada a que demandaron as máis de 200 persoas que participaron na Marcha Diversa polas rúas de Baio, porque, como hoxe puido comprobarse, aínda queda moitísimo por facer en cuestións que deberían estar superadas, como a accesibilidade. De feito, o tenente de alcalde de Zas, Óscar Lema, que participou no percorrido, recoñeceu que “temos que mellorar, e estamos niso”. En Baio, como en tantas outras localidades, as beirarrúas seguen a ser unha sucesión de barreiras, malia que esta fin de semana, grazas á colaboración entre Íntegro e a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, hai ramplas colocadas nas portas de moitos establecementos comerciais e hostaleiros. Esas ramplas permitiron que, despois da marcha, os e as participantes puidesen acceder aos locais de hostalería para degustar os pinchos diversos. Tatiana Rellán, presidenta da entidade empresarial, agradeceu a colaboración de Íntegro “para facer de Baio ten a Pelota un evento inclusivo”.

IMG-20160506-WA0051

A Ruta do Pincho Inclusivo foi todo un éxito entre os asistentes

IMG-20160506-WA0064

Masterclass de zumba no pavillón municipal

A pesares da choiva, a néboa e as baixas temperaturas das primeiras horas do día, ningunha entidade quixo faltar á celebración da Xornada de Inclusión. Este ano sumáronse as asociacións Ámbar, Misela, Avante, Adisbismur, A Creba, Cruz Vermella de Vimianzo, Aloumiños, APEM, Un paso máis e Cogami, representada por Elena Antelo. Polo que respecta á representación política, á parte do tenente de alcalde de Zas (o alcalde, Manuel Muíño, uniuse pola tarde), no percorrido tamén participou o concelleiro pontecesán Carlos Penedo.

Stand Íntegro

A presenza de Íntegro en Baio ten a Pelota continuará toda a fin de semana. Tanto o sábado como o domingo teremos un stand na rúa Obispo Romero de Lema no que poderás atopar ampla información sobre as nosas actividades e proxectos máis recentes, como o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade (PIMD Rural), Costa da Morte Accesible (CMA) ou Bicos de Amora, a nova liña de xabóns naturais de glicerina que imos presentar nesta feira. Ademais, haberá un posto permanente de venta de artigos onde non faltarán as últimas creacións elaboradas polos usuarios/as do centro ocupacional como as pulseiras de macramé ou as tellas personalizadas. O horario de atención ao público será de 10.30 a 20.00.

 

post

A Asociación Íntegro e a hostalería de Baio avanzan cara a accesibilidade universal coa Ruta do Pincho Inclusivo

Xa queda menos para o Día da Inclusión, que este ano terá lugar o 6 de maio en Baio, coincidindo co evento comercial “Baio ten a Pelota”, organizado pola Asociación de Empresarios Comarca de Soneira para esa fin de semana.

Co lema “Nós tamén temos a pelota” desenvolveremos un amplo programa de actividades dirixidas a toda a poboación coa finalidade de reivindicar a inclusión social das persoas con diversidade funcional. Ademais de actos como a Marcha pola Diversidade, os obradoiros ou a instalación do stand da asociación, este ano incorporaremos algunhas novidades moi atractivas e tamén moi saborosas. Tomade boa nota!

Por primeira vez, grazas á colaboración entre Íntegro, a través da área de traballo Costa da Morte Accesible, e a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, celebraremos a Ruta do Pincho Inclusivo, na que se garantirá a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida aos locais de hostalería mediante a colocación dunha serie de ramplas móbiles elaboradas polos usuarios/as do noso obradoiro ocupacional de carpintería.

pincho inclusivo

Os locais de hostalería disporán de ramplas móbiles para a Ruta do Pincho Inclusivo

Dende a asociación Íntegro pretendemos reivindicar o dereito de todos e todas a gozar por igual do tempo de ocio, dotando de infraestruturas e recursos necesarios os espazos públicos, ademais de concienciar á sociedade para seguir dando pasos de cara a acadar a necesaria accesibilidade universal no ámbito da Costa da Morte.

Querer é poder. Esa é a nosa filosofía. E estamos convencidos de que co esforzo, o compromiso e o traballo de todos/as podemos conseguilo.

A Ruta do Pincho Inclusivo é unha das novas accións enmarcadas nunha xornada repleta de novidades que che deixará, polo de agora, moi bo sabor de boca. En breve contarémosche máis. Anímate e participa! Nós tamén temos a pelota, e ti?