Nesta acción formativa, enmarcada no POISES e co-financiada polo Fondo Social Europeo, participaron doce persoas con diversidade funcional da Costa da Morte
O pasado martes, o presidente da asociación Íntegro Adolfo López Baña e a xerente do Centro Especial de Emprego, Sandra Caamaño Gómez, fixeron entrega dos diplomas do Curso Actividades Auxiliares de Agricultura e Xardinería, impartido en Nantón (Cabana) de abril e novembro deste ano.
Doce persoas con discapacidade, procedentes de diferentes concellos da Costa da Morte, participaron nesta acción formativa de 305 horas de duración enmarcada na Convocatoria de Axudas económicas da Fundación ONCE no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE).
Tras sete meses de formación, o alumnado superou con éxito e gran satisfacción as sesións teórico-prácticas levadas a cabo para proporcionarlles os coñecementos necesarios sobre a materia e facilitarlles unha capacitación profesional para acceder en mellores condicións ao mercado laboral. A parte específica de agricultura e xardinería foi impartida polo Centro Especial de Emprego Mais Porvir.