A entidade iniciará en agosto novas accións formativas para mellorar o emprego feminino
Esta mañá en Íntegro clausuramos o curso de Informática para mulleres con disCapacidade enmarcado no programa do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade (PIMD Rural), co-financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo (FSE). Con este acto puxemos o punto e final ás tres primeiras accións formativas desenvolvidas dende o pasado mes de maio no noso Centro de Recursos de Nantón. A finais do mes pasado tamén concluíron os talleres de Cociña: tapas e aperitivos e Artes Manuais: xabóns, pintura e bixutería.
Durante dous meses, as alumnas do obradoiro que concluímos hoxe tiveron a oportunidade de adquirir coñecementos básicos de informática e mecanografía ademais de realizar unha primeira toma de contacto coas redes sociais e internet, dúas ferramentas moi útiles na actualidade e polas que amosaron moito interese.
Por outra banda, as que aínda continuarán a súa formación ata finais deste mes son as participantes dos obradoiros de Malpica, Laxe e Ponteceso.
+iniciativas
Pero as actividades do PIMD Rural non fixeron máis que comezar! Este verán preséntase cheo de novidades e de aprendizaxe en Íntegro porque en agosto porase en marcha unha nova iniciativa do PIMD, dirixida tamén a mulleres con disCapacidade, centrada nas posibilidades persoais e profesionais para mellorar a súa empregabilidade.
Para elo, crearemos un grupo de traballo integrado por un máximo de seis alumnas para facilitar e garantir unha atención individual e personalizada. Entre os principais obxectivos deste obradoiro destacan o estudo da oferta e a demanda de emprego na nosa contorna, a elaboración dun currículo, o desenvolvemento de ideas e posibilidades de emprego, a busca directa e indirecta e o asesoramento en recursos, entre outras materias. No mes de setembro está previsto a súa ampliación aos concellos de Malpica, Cabana, Ponteceso e Laxe.
O prazo de inscrición para a primeira quenda aínda continúa aberto. As persoas interesadas poden poñerse en contacto con nós chamando ao 981 734 985 de luns a venres, en horario de 9 a 17h, ou no noso centro de Nantón (Cabana).
Se es muller e buscas emprego ou tes unha idea de negocio esta é a túa oportunidade. Non a deixes pasar!